Partido Popular de Lugo

Castiñeira: “Nun momento en que veciños e concellos necesitan máis da Deputación, o único que fai o goberno provincial é poñerse de lado”

A sesión plenaria celebrada esta mañá pola Deputación de Lugo demostrou, unha vez máis, en opinión do portavoz popular, Javier Castiñeira, “que o goberno provincial ten moi pouca consideración cos cidadáns”, un comportamento “especialmente lamentable nun momento en que veciños e concellos necesitan máis desta institución e o único que fai e poñerse de lado e criticar á Xunta de Galicia”. Castiñeira pon como exemplo do que di o feito de que foron rexeitadas as dúas mocións defendidas polo PP en relación con senllos asuntos que afectan directamente a veciños da provincia.

 

Castiñeira destacou tamén que con respecto a Alcoa houbo unanimidade entre todos os grupos provinciais. Entende que tiña que ser así porque “todos debemos permanecer xuntos nun asunto de tanta relevancia como é o futuro da industria aluminera en Lugo; todas as institucións teñen que manterse unidas para esixir a Alcoa que reinicie as conversas con Liberty House”. O portavoz popular asegura: “Non imos admitir que se pare a produción de aluminio primario na Mariña e que se perdan máis de 530 postos de traballo directos máis outros tantos indirectos; entendo que todos os grupos pensamos o mesmo e, dende logo, expreso o noso máximo apoio aos traballadores e as súas familias”.

 

Por outro lado, Castiñeira mostrouse convencido de que “as mocións do Partido Popular non lle gustan  a este goberno provincial”. Explica: “Chegamos ao punto de que nunha moción na que recollemos as aspiracións de veciños de Castroverde, do núcleo de Outeiro, demandando melloras nas obras que se están executando na ponte sobre o río Chamoso votan en contra, en contra, polo tanto, do interese dos veciños. Entre os que votaron en contra está o propio alcalde de Castroverde; tamén o BNG, que  en Castroverde vota a favor e, na Deputación, en contra”.

 

O portavoz popular sinalou que algo similar o anterior ocorreu na proposición  que presentou o seu grupo para solicitar a rebaixa do prezo do solo industrial nos polígonos que xestionan na provincia a Entidade Pública Empresarial de Suelo  (Sepes) e Suelo Empresarial del Atlántico (SEA). Castiñeira manifestou: “O obxectivo era que tanto Sepes como Sea, que son sociedades estatais, establezan bonificacións para o solo industrial que teñen na nosa provincia (cinco polígonos en total), porque a día de hoxe teñen prezos bastantes caros, moito máis caros que os de Xestur (Xunta de Galicia), que si está a facer os seus deberes. Cremos que o actual é un momento no que se necesita iniciativa empresarial e motivar aos nosos emprendedores; cremos que na provincia de Lugo debemos empezar por rebaixar o prezo do solo industrial no que ten participación o Estado para fomentar a instalación de empresas”.