Partido Popular de Lugo

Unha ampla representación do PP participou na concentración para apoiar a venda de Alcoa e o mantemento dos postos de traballo

Unha ampla representación do PP lucense asistiu esta mañá en Xove á concentración en apoio da venda de Alcoa, de maneira que esta industria fundamental para A Mariña teña futuro e se manteñan os postos de traballo que xera. Entre os populares que participaron na concentración estivo a presidenta provincial do partido e deputada autonómica, Elena Candia, así como outros deputados, alcaldes e portavoces populares.

 

O PP destaca que estes son momentos cruciais para o futuro desta industria, e, ao mesmo tempo, da propia comarca. Os populares consideran que a forza da unión é fundamental para facer rectificar a Alcoa e propiciar a venda.

 

É necesario, destacan os populares, un proxecto sostible, que permita manter a industria e con ela a continuidade dos postos de traballo. Igualmente destacan que non existe xustificación que impida achegar posturas entre Alcoa e Liberty House.

 

Dende o PP resáltase que A Mariña demostrou unha implicación total con Alcoa e agora é o momento de que a empresa demostre a súa implicación con esta comarca.

 

En canto ao Goberno, os populares agardan que cumpra os seus compromisos e avance na aprobación das medidas para garantir un marco enerxético competitivo para a industria electrointensiva.