En Trabada acábase de producir o que o portavoz popular, José María Fernández Vázquez, cualifica de “feito inédito”, fronte ao que expresa o seu máis rotundo rexeitamento: pintadas nunha parede da casa consistorial. As pintadas, polo seu contido e por onde foron feitas, parecen ser unha crítica á política de contratación de persoal do Concello, presidido pola socialista Mayra García.
Fernández Vázquez sinala: “Como digo, o primeiro de todo é expresar o noso rexeitamento a esta maneira de protestar; non é admisible que se fagan pintadas nos edificios e menos aínda nun edificio institucional como é a casa consistorial”. Engade: “Pero dito isto, tamén hai que dicir que é fácil apreciar entre os veciños de Trabada que existe un crecente malestar pola política de contratación de persoal que leva a cabo o goberno municipal, algo que nós criticamos con insistencia”.
Os populares entenden que a política de persoal do Concello non é transparente. “Cando un goberno non actúa con transparencia, e moito máis en áreas tan sensibles como é a de contratación, ao final a xente entende que se actúa caciquilmente”, di Fernández.
Como pouco transparente, Fernández Vázquez alude á maneira de cubrir postos de brigadistas ou para o Punto de Atención a Infancia, froito este último dun convenio entre o Concello e a Deputación.