Partido Popular de Lugo

O PP reclama ao alcalde de Monforte xestións para mellorar o estado dos regatos que desembocan no Cabe no termo municipal

O grupo municipal do PP presenta un par de preguntas e un rogo para o próximo pleno da corporación de Monforte. O rogo ten por obxectivo que o Concello faga as xestións necesarias para a mellora dos afluentes do Cabe no termo municipal de Monforte. A portavoz popular, Katy Varela, lembra que “no máis recente pleno da corporación municipal, celebrado o pasado 27 de xullo de 2020, este grupo municipal presentou un rogo no que solicitaba ao equipo de goberno as actuacións necesarias para que se leve a cabo a limpeza dos seguintes regatos: Río Seco, Zapardiel, e Malloadas, nos que hai gran cantidade de maleza e lixo”. Durante o verán nada se fixo, afirma a portavoz popular, e a situación empeorou. Ademais, na desembocadura destes regatos prodúcense con frecuencia vertidos fecais, como no caso do Zapardiel, ou no Malloadas no parque dos Condes.

Unha das preguntas afecta á rúa máis emblemática da cidade do Cabe: O Cardenal. Os populares queren saber a que se debe que despois de cinco meses de acabadas as obras de reforma desta rúa, os accesos a ela sigan bloqueados ao tráfico rodado por materiais de  construción. Katy Varela di que non é de recibo esta maneira improvisada e antiestética de bloquear o paso aos coches.

 

Por outro lado, os populares queren saber se os informes técnicos inclúen un presuposto, algunha estimación económica do custe dos arranxos que serán necesarios ao fío da prevista resolución do contrato de xestión e explotación da piscina municipal. En este sentido, Katy Varela sinala que “no pleno dos pasado mes de agosto aprobouse o inicio de resolución de contrato de xestión e explotación da piscina municipal climatizada, dos servicios de cafetería, e das pistas de tenis municipais da Pinguela”. Engade que esta iniciativa estaba avalada nunha auditoría, que non foi dada a coñecer á oposición; no transcurso do debate falouse de que os custes dos arranxos poden rondar o medio millón de euros”.