Partido Popular de Lugo

O PP inicia coa federación veciñal e a Asociación de Jubilados a explicación das súas iniciativas en defensa do ferrocarril, as pensións e contra a ocupación de vivendas

A presidenta provincial do PP, deputados e senadores por Lugo mantiveron esta mañá na capital lucense un encontro con representantes da Federación Provincial de Asociacións de Veciños e da Asociación de Jubilados y Pensionistas Lugo. Como sinalou a presidenta provincial, o obxectivo da reunión estivo enmarcada  “no exercicio de proximidade e do compromiso que temos de posta a disposición dos veciños e veciñas para  trasladar as súas reivindicacións as institucións nas que temos representación”. Neste encontro, desenvolvido na sede do PP de Lugo, abordáronse tres asuntos: ferrocarril, pensións e ocupación de vivendas.

.

Elena Candia explicou: “Fixemos un convite a que se sumen ambas entidades a defender as infraestruturas ferroviarias na nosa provincia. Pasa o tempo e as frecuencias  non se repoñen, non se cumpren os prazos  nin se avanza nas obras comprometidas no seu momento; como dixemos hai uns meses, se non tiñamos unha resposta positiva, fariamos unha actividade política intensa e unha fronte común coa veciñanza e a sociedade civil”. Respecto a esta cuestión o senador José Manuel Barreiro e o deputado Joaquín García Díez explicaron as iniciativas presentadas no Congreso e no Senado. Barreiro avisou do risco de que os recortes derivados da crise económica supoñan frear as inversión previstas en Lugo en materia ferroviaria.

 

Por outra parte, a presidenta provincial do PP sinalou: “Analizamos tamén o resultado dunha votación no Senado que nos deixa profundamente preocupados; os grupos políticos de PSOE e Podemos votaron en contra de protexer  e non conxelar as pensións e os salarios dos funcionarios”. Barreiro, pola súa parte, avisou: “Corremos o risco, non só de conxelación, senón de recortes do nivel que houbo en Grecia. Temos que ser moi reivindicativos”.

 

Por último, neste encontro tratouse sobre o problema da ocupación de vivendas. Candia indicou que “recentemente escoitamos a alcaldesa de Lugo e aos seus socios de goberno dicindo que Lugo é unha cidade allea a este problema, unha afirmación verdadeiramente sorprendente despois dos serios incidentes vividos nestas últimas semanas na capital lucense” Engadiu: “Comprobamos que é algo que preocupa aos veciños, poñémonos a súa disposición para conseguir mecanismos que protexan contra estas agresións á propiedade. Reivindicamos ser escoitados e poñemos en marcha accións na rúa para sumar apoios, e desta maneira facer rectificar ao Goberno de España”. Explicou que o PP empeza a recoller sinaturas para conseguir cambios legais que poñan coto a ocupación de vivendas.

 

A este respecto, o senador José Manuel Barreiro indicou que os cambios que propón o PP se resumen en: desaloxos en 12 horas, castigos con penas de cárcere para quen acceda as vivendas con violencia, impedir o empadroamento en vivendas ocupadas, que as comunidades de veciños poidan tomar medidas legais e que tamén as persoas xurídicas poidan tramitar os desaloxos. Sobre este asunto o deputado Joaquín García Díez indicou que faltan directrices claras á Policía, seguramente por intereses políticos.

 

A federación veciñal estivo representada polo seu vicepresidente primeiro e portavoz, Fernando Rois, así como por Luís Abel e Flora Rubinos. Rois recordou as numerosas accións reivindicativas desenvolvidas pola plataforma Lugo non Perdas o Tren e explicou que para este colectivo non é suficiente con recuperar os servizos anteriores a pandemia. Explicou que seguirán adiante coas súas reclamacións. En canto as pensións, destacou á necesidade de que se garantan mediante o Pacto de Toledo, porque “sen pacto non temos garantías”. Cualificou o das ocupacións como “un dos conflitos importantes en Lugo” e defendeu os desaloxos inmediatos, aplicación de penas de cadea e incluso a posibilidade da retirada de pensións non contributivas aos infractores. Destacou tamén a necesidade de máis vivenda social.

 

A Asociación de Jubilados y Pensionistas Lugo estivo representada polo seu presidente, Julio Méndez, e o seu secretario, Manuel Méndez. O presidente lamentou que non se dera participación aos representantes directos dos pensionistas no Pacto de Toledo, porque non se senten representados nin por sindicalistas nin por empresarios, e -dixo- entre os xubilados hai grandes especialistas en moi diversas materias. O senador Barreiro comprometeuse a dar traslado institucional a esta demanda dos pensionistas.