Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro di a Loureiro: “Basta xa de desculpas de mal pagador: cumpran coas súas obrigas e executen as mocións aprobadas”

Gobernar é executar non só as iniciativas propias do goberno, senón tamén levar á práctica as decisións que son froito do acordo por maioría ou unanimidade a proposta dos grupos políticos da oposición. No Concello de Viveiro, segundo sinalan os concelleiros do grupo municipal popular, hai numerosos acordos plenarios adoptados polos grupos da oposición desde o principio do actual mandato e que seguen sen executar. Os populares instan á alcaldesa, María Loureiro, a facer o elemental exercicio democrático que é dar cumprimento aos acordos plenarios, incluso cando son froito de propostas da oposición. É –di o portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez,- “unha obriga política, pero tamén legal, ética e incluso estética. Basta xa de desculpas de mal pagador e cumpran vostedes, señora Loureiro, coas súas obrigas e executen as mocións aprobadas”.

 

O portavoz popular sinala que o goberno municipal de
Viveiro, e de maneira moi sinalada a alcaldesa, María Loureiro (PSOE), ten demostrada unha inusitada capacidade para esquecer a súa obriga de executar os acordos corporativos adoptados a raíz de propostas da oposición. “Está claro que algúns destes acordos non son do gusto da alcaldesa, pero iso non ten que ser impedimento para que adopte as medidas oportunas para que se leven a cabo. Algún pode ser máis difícil de executar que outros, e pódese entender que leve máis tempo, pero o problema é que non se deron os pasos necesarios en ningún caso”.

 

Rodríguez recorda que na sesión plenaria do pasado martes foi aprobada unha proposta dos grupos da oposición para que sexan executadas as mocións aprobadas desde o inicio do mandato. Rodríguez di: “Nesa mesma sesión saíu adiante, co apoio dos concelleiro do goberno local, a nosa proposta para iniciar conversas para conseguir a cesión ao Concello do convento de Valdeflores. E eu pregúntome: o goberno local fará algo para cumprir esta moción que apoiou, ou tampouco fará nada?”.