O Grupo Municipal do Partido Popular de A Pobra do Brollón denuncia que o Concello aprobase subir o Imposto de Bens Inmobles (IBI) en plena crise sanitaria e económica. Concretamente, segundo precisa o voceiro desta formación, Fernando Parada, a taxa urbana pasa do 0,60 euros aos 0,71 e, a rústica, dos 0,80 aos 0,90 euros.
“Atopámonos”, explica o popular, “con que moitos veciños do municipio se puxeron en contacto connosco para trasladarnos as súas queixas. Nalgúns casos a suba non representa unha contía elevada pero noutros si; máis se cabe nestes momentos e circunstancias nas que a aparición do virus nos está levando a unha crise económica de proporcións aínda descoñecidas”, advirte.
Neste senso, dende o Grupo Municipal do PP recoñecen que non entenden “como o alcalde se atreve a facer esta suba” e pídenlle que “dea marcha atrás e non se ampare en falsas escusas para intentar desviar a atención”. E é que, nestes momentos, as administracións “deben remar todas xuntas para axudar á recuperación e non poñer aínda máis trabas”, insisten.
Falta de transparencia
Os populares amosan así o seu rexeitamento á suba deste imposto –no Pleno votaron tamén en contra- e critican a falta de transparencia do goberno local, ao dar o visto e prace a este incremento sen dar as explicacións pertinentes aos veciños. “Non está sendo xusto coa veciñanza. Xestionar un Concello é dotala de servizos mellores e non obrigala a que pague cada vez máis, como acontece neste caso e, moitos menos, facelo con tal prepotencia. Isto é un despropósito”, conclúe.