Entre as infraestruturas máis demandadas na provincia están as residencias da terceira idade. Unha das programadas é a de Portomarín, que se empezou a tramitar sendo Elena Candia a presidenta da Deputación. Neste caso, trátase de apartamentos tutelados. Despois de moito esperar, por fin o goberno provincial adxudicou as obras para os apartamentos tutelados que serán construídos en Portomarín. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, reclama do goberno provincial e, sinaladamente do seu presidente, que as obras comecen canto antes, porque é necesario que Portomarín poida dispoñer pronto desta residencia.
O portavoz provincial do PP visitou días pasados xunto co alcalde Portomarín, Juan Serrano, o terreo no que se levantarán os apartamentos. Castiñeira manifestou: “É unha parcela municipal que o Concello cede para que a Deputación faga apartamentos tutelados para Portomarín”. Explica: “O proxecto iniciouse no ano 2015, con Elena Candia como presidenta da Deputación, e estivo un tempo parado. Neste último ano se retomou a contratación . Parece ser que despois de varias voltas, por fin hai unha contratación definitiva. Pedimos ao goberno da Deputación que canto antes inicie esta obra, que é importante economicamente (máis de 1.400.000 euros) e socialmente, porque é fundamental para Portomarín”. Lembrou que “o Concello ten todo preparado e listo; desexo que este edificio sexa unha realidade canto antes”.
Polo seu lado, o alcalde de Portomarín, Juan Serrano, sinala: “Esta é unha obra que se empezou a planificar con Elena Candia na presidencia da Deputación. É certo que tivo unha implicación moi positiva Darío Campos, ao que sempre teremos agradecemento. Espero que nesta etapa poida dicir o mesmo; de momento non o podo dicir, pero espero que agora, con este novo impulso que se lle da, se inicie a materialización de algo tan demandado polos veciños: apartamentos tutelados, unha forma residencial diferente. Quedamos á espera de ver como empezan as obras, que confío en que sexa máis pronto que tarde”.