Partido Popular de Lugo

O PP teme que a Deputación repita no Club Náutico de Portomarín os erros que provocan que a área de Augasmestas leve anos pechada

Con celeridade admirable e difícil de crer, dada a traxectoria seguida desde a conformación do actual goberno provincial, a deputada de Turismo, en canto coñeceu a reclamación do grupo provincial popular para a reapertura inmediata do Club Náutico de Portomarín, anunciou melloras nestas instalacións. O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, sinala: “Agradecemos a rápida resposta da delegada de Turismo da Deputación, a socialista Pilar García Porto, avanzando que antes de abril pretenden amañar e facer novos investimentos no Club Náutico de Portomarín, pechado desde finais do 2019”. Dito isto, os populares celebran as melloras que se anuncian, pero aclaran: “A causa de que existan múltiples instalacións fluviais abandonados non é, nin moito menos, porque necesiten cambios substancias; o que  verdadeiramente necesitan é un cambio substancial na política turística do goberno  provincial”. Como proba do que din, Castiñeira sinala “o caso das instalacións de Augasmestas, pechadas eternamente, e nas que a Deputación, coa mesma filosofía que pretende usar agora para Portomarín,  investiu no 2017 un total de 83.656, 99 euros en reparacións que non serviron para nada porque tres anos despois seguen sen estar operativas e sen depuradora propia, o que, a día de hoxe, é o gran problema que ten esta área”.

 

O portavoz dos populares tamén di que, co seu recente anuncio, “García Porto pretende paliar a súa falta de compromiso co turismo fluvial de interior e xustificar o abandono das instalacións da maneira máis cómoda, que é tirando de talonario e renunciando á dilixencia na xestión”.

 

Castiñeira manifesta: “Nestes momentos de crise, o grupo provincial do PP cre que o máis importante, e así o pedimos á Deputación, é a efectividade e rendibilizar o patrimonio existente”. No caso das instalacións para turismo fluvial “hai que poñelas a funcionar e a crear riqueza, reducindo a burocracia na que está sumido o bipartito e que está condicionando o futuro destas instalacións”.