Partido Popular de Lugo

O grupo provincial do PP insta á Deputación a abrir sen máis demora as instalacións do Club Náutico de Portomarín

A política de turismo do goberno provincial xa mereceu diversas críticas desde o grupo do PP. O portavoz popular, Javier Castiñeira, reclama agora á Deputación que adopte as medidas necesarias para poñer de novo en servizo as instalacións do Club Náutico de Portomarín, que está pechado desde finais do ano pasado. Castiñeira sinala: “ A semana pasada escoitamos á deputada delegada de Turismo, Pilar García (PSOE), mostrar a súa satisfacción polos datos do turismo fluvial na provincia de Lugo.  No grupo provincial do Partido Popular somos máis realistas e unha vez máis temos que dicir que hai instalacións fluviais da Deputación, de grandísimo valor, que están sen uso na provincia. É o caso do Club Náutico de Portomarín, en pleno camiño de Santiago; trátase dunhas instalacións magníficas na  beira do embalse e que levan todo o ano 2020 pechadas, perdendo a tempada, pola falta de compromiso do goberno provincial”.

 

O portavoz popular manifesta: “No Partido Popular queremos denunciar, igual que fixemos en Augasmestas-Quiroga, e nalgunhas outras da provincia, que o náutico de Portomarín permanece pechado, sen uso, debido única e exclusivamente á desidia da deputada de Turismo, que é moi afeccionada a dar datos desde o seu despacho de San Marcos, pero pouco dada a pisar a provincia para ver os verdadeiros problemas do turismo nos concellos da provincia de Lugo”.

 

Castiñeira sinala: “Dende o PP cremos que é necesario poñer en valor este gran patrimonio que ten a Deputación de Lugo e que esta colabore cos concellos, que queren que estas instalacións estean abertas e xerando actividade económica. O propio alcalde de Portomarín, Juan Serrano, quéixase da mala imaxe que dan estas instalacións pechadas á vista dos miles de peregrinos que cada ano pasan por esta localidade. O alcalde bríndase a buscar alternativas, incluso unha posible cesión ao Concello para que este poida dilixenciar con máis proximidade e axilidade estas instalacións que estiveron funcionando ata finais do ano pasado, dando un bo servizo e creando emprego nunha localidade que é referencia no camiño de Santiago e que por culpa da Deputación  perde un dos seus atractivos”.

 

O portavoz popular recoñece que “a covid está complicando moito as cousas”,  pero sinala que “tamén é certo que a decadencia das instalacións fluviais da Deputación  vén de largo e motivada pola súa falta de compromiso cos concellos que teñen non son da  súa cor política o cal é tremendamente inxusto”.

 

Castiñeira fai un chamamento ao goberno provincial: “Señores do PSOE e do BNG: Pedímoslles que rectifiquen a súa política de turismo fluvial, que se poñan man a obra e traten de abrir o antes posible estas instalacións”.