Partido Popular de Lugo

Fuente Parga atribúe ao traballo dos gobernos do PP o incremento de poboación en Barreiros

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida (Bloque), di, ou polos menos así o recolle un medio de comunicación, que non sabe porque medra a poboación no seu municipio. O seu antecesor no cargo e actual portavoz municipal do PP, Alfonso Fuente Parga, pola contra, ten claro a que se debe ese incremento que, ao parecer, colle por sorpresa a rexedora nacionalista. “É o resultado de todo aquilo ao que se opuxo o Bloque anos e anos, e que estaba claro que, antes ou despois, daría, entre outros, este resultado”.

 

Para Fuente Parga é evidente que as actuais circunstancias estimulan o asentamento de novos veciños en Barreiros. Explica: “Este feito dáse porque hai vivenda dispoñible, chámese segunda vivenda ou como se queira; pero haina”. Engade: “E como hai vivenda, Barreiros benefíciase dalgunhas dinámicas derivadas da crise sanitaria, unha delas, o teletraballo. Senón houbera vivenda dispoñible, pois seguramente non se podería aproveitar esta circunstancia. Iso é o que non di  a alcaldesa, porque non lle interesa, porque isto de hoxe é o resultado do traballo durante anos dos equipos do PP no Concello”.

 

O portavoz municipal resume: “Estes son os froitos cultivados polo traballo dos gobernos do PP en Barreiros”.