O Grupo Provincial do PP esixe ao goberno provincial que preside José Tomé que resolva o problema de acceso ao núcleo de Outeiro como lle piden os veciños desta parroquia de Castroverde onde se están a acometer obras de mellora entre os puntos quilométricos 0+000 a 2+280, de Souto de Torres a Sobrado, da estrada provincial LU-P-1201.
Os populares darán traslado no vindeiro Pleno da Corporación Provincial das queixas dos veciños en relación ás actuacións que se están a realizar na zona da ponte sobre o río Chamoso porque “queda unha pendente moi pronunciada no acceso ao lugar de Outeiro que engancha coa ponte ao ter que ser levantada de cota”, segundo explican dende o Grupo Provincial do PP. “Isto pode dificultar a circulación e mesmo converterse nun punto inseguro para os seus usuarios”, advirten os populares.
Tardanza por mor da improvisación e a falta de planificación
Os populares critican a tardanza na execución das obras porque “ademais de que esta actuación non responde ás necesidades dos veciños, a día de hoxe, 29 meses despois de que a Deputación de Lugo iniciara os trámites administrativos, os traballos aínda non remataron. Isto imposibilita aos veciños transitar por este tramo”, explican. E todo ante o silencio do alcalde e tamén deputado provincial, José María Arias”, sinalan dende o Grupo Provincial Popular.
Os populares consideran que isto se debe “á falta de planificación e á improvisación por parte do goberno provincial” en relación a esta actuación porque “o 21 de decembro de 2018 as obras tiveron que ser suspendidas ao non dispoñer o organismo provincial da autorización da Confederación Hidrográfica”.
Dende o Grupo Provincial urxen, polo tanto, a “levar a cabo as actuacións necesarias para corrixir a execución dos traballos na zona da ponte sobre o río Chamoso para que os veciños de Outeiro poidan acceder de formar segura á súa parroquia”.
Paso provisional
Os deputados do Grupo Popular solicitan a construción, de forma urxente, dun paso provisional e seguro a pé sobre o río Chamoso para que “os nenos non teñan que dar tanta volta para coller o bus e a xente da zona non teña que cruzar o río a pé para facer os seus traballos”.