Partido Popular de Lugo

Katy Varela interésase por como están a levar os colexios de Monforte o regreso ás aulas

A voceira do Partido Popular de Monforte de Lemos, Katy Varela, vén de manter varios contactos cos directores dos centros públicos e concertados co fin de coñecer como están a levar o regreso ás aulas, así como as necesidades que presenta a comunidade educativa local nestes momentos de incertidume social e económica, motivada tamén pola proliferación de casos positivos de coronavirus.

 

 "Consideramos primordial escoitar ao profesorado e saber que necesidades teñen. Esta cuestión cobra máis importancia se cabe se temos en conta que, desgrazadamente, Monforte rexistra un dos gromos máis importantes da provincia nestes momentos", precisa.

 

Con estas xuntanzas, Katy Varela deu continuidade á rolda de contactos que está a levar a cabo co tecido asociativo da cidade para, engade, “saber en persoa a súas inquietudes e ver de que maneira lles podo axudar tanto como representante do partido que está na Xunta, como concelleira da oposición no Concello”. E é que nesta materia concreta –en Educación-, defende, debe existir unha colaboración intensa entre todas as administracións. Por este motivo, considera que dado que o alcalde “presume de remanente, quizá fose unha boa idea destinalo a medidas de prevención, pois non deixa de ser tamén responsabilidade súa velar polo benestar dos monfortinos nestes momentos tan complicados”.

 

Neste senso, a popular, agarda tamén que o Goberno central faga público con carácter inmediato o reparto de fondos prometidos, sobre todo, se se ten en conta que a Xunta de Galicia leva traballando tempo para garantir a normalidade no inicio do curso escolar. "Non só é importante gardar a distancia de seguridade, senón que, por exemplo, cando e como se vai contratar máis persoal docente. Por iso, esa transferencia económica é relevante e a Conferencia de Presidentes de hoxe debería terse realizado, cando menos, con outra previsión", subraia.