Os populares de Vilalba lamentan “a falta de sensibilidade do goberno local co labor da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio que suma 25 anos ao servizos dos veciños e veciñas” e que vén de suspender os actos con motivo do seu aniversario ante a falta de recursos económicos porque non lles abonaron a subvención nominativa aprobada nos orzamentos municipais do 2019, nin os gastos derivados da súa colaboración durante o FIV 2019 nin tampouco a subvención concedida esta anualidade polo actual goberno que rebaixou en 8.000 euros a contía que recibía normalmente a agrupación.
Dende o Grupo Municipal do PP urxen ao goberno municipal do PSOE a facer estes pagos para que “a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilalba, cada vez máis formada e profesionalizada, poda cubrir as súas necesidades e continuar, así, a desenvolver de forma axeitada as súas actividades en beneficio dos veciños e veciñas de Vilalba”.
Nese sentido, dende o PP de Vilalba destacan o labor que leva realizando a agrupación en colaboración cos distintos actos que se teñen realizado no municipio, principalmente, ao aire libre, citas deportivas, etc. e, máis especialmente, a dedicación dos voluntarios durante o estado de alarma por mor do coronavirus no que, de forma altruísta, realizaron tarefas de desinfección ou de colaboración con veciños afectados pola covid-19. “Trátase dun servizo moi útil ante a actual situación socio-sanitaria derivada da pandemia da covid-19”, defenden.
Por outra banda, recordan dende o Grupo Municipal do PP que “os socialistas rexeitaron plan de reactivación económica, laboral e social tralo estado de alarma derivado do coronavirus que presentamos no pleno de xuño dotado con 4 millóns de euros e que recollía axudas a este e outros colectivos do ámbito do benestar social e as emerxencias”. Ademais dese bloque de axudas, o PRELASVI tamén recollía o apoio a pemes e autónomos, o reforzo dos servizos sociais e a creación dun fondo municipal de material de protección individual.
Os populares engaden tamén como prexuízo “que o goberno local ordenase o cambio de local para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil”; xa que “agora só dispoñen dun pequeno espazo situado no edificio da Praza de Abastos”.
O goberno local ten que deixar de poñer escusas
Critican dende o PP vilalbés que “o goberno do PSOE municipal nin faga os pagos establecidos no orzamento do ano 2019 elaborado polo goberno do PP e que continúa en vigor ao ser prorrogado porque tampouco foron capaces de presentar aínda un orzamento para este ano 2020; a pesar de que viñan con aires de cambio”. Polo tanto, os populares esixen ao goberno local “deixar de poñer escusas e efectuar os pagos pendentes”.