Partido Popular de Lugo

Javier Castiñeira: “Lamentamos que Tomé intente evadir as súas responsabilidades e faga dun tema sanitario un problema político”

“Lamentamos que Tomé intente evadir as súas responsabilidades e faga dun tema sanitario un problema político”. Así o manifesta o voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, logo de que o presidente provincial manifestase publicamente que a Xunta de Galicia pretende estigmatizar o barrio da Milagrosa, ademais de cuestionar o proceder de dita administración na xestión dos gromos sanitarios existentes na provincia de Lugo.

 

“Esta é a forma que teñen PSOE e BNG de gobernar. Vímolo na campaña. Como mariñano coñezo ben o que fixeron antes das eleccións na miña comarca e agora volven ás andadas”. Malia todo, e lonxe de confrontar por un asunto de saúde pública tan importante como é a pandemia, manifesta que “cantos máis medios sanitarios para combater os gromos poñamos a disposición, mellor. Isto xamais o poremos en dúbida”, pero aclara que a intención de Sanidade é poder actuar de xeito máis selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. “O Sr. Tomé, como alcalde, coñece ben o que digo. El sabe como se está a actuar no seu concello, onde, lamentablemente, son bastantes os veciños afectados”.

 

Tal é así que, dende o principio da pandemia, a Xunta procura acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non só por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios. “O que hai é un control sanitario especialmente prudente para garantir a saúde dos residentes”, engade.

 

A teima de Tomé

É por este motivo, polo que o popular lle lembra ao socialista que abandone “a teima de culpar á Xunta por todo, cando, por exemplo, no caso das residencias da Deputación, a xestión das mesmas e a aplicación dos protocolos, dependen única e exclusivamente da institución luguesa, a pesares de que, neste caso concreto –a xestión da pandemia-, “sempre chega tarde como así aconteceu no primeiro gromo”.

 

“Semella que se esquece disto. Agardamos que non sexa interesadamente e que, pola parte que lle toca, se estean a aplicar medidas específicas e rigorosas tanto na Deputación, como nas dependencias que dependen dela”. Refírese Castiñeira, precisamente, aos centros da terceira idade, cuxa titularidade é provincial, e nos que a aplicación de medidas preventivas e de seguridade depende, como resulta evidente, da propia institución.

 

A disposición dende o minuto cero

Con todo, “e en aras de seguir facendo unha oposición construtiva, porque así nolo demandan os lucenses e ese é o noso obxectivo”, dende o Grupo Provincial reiteran ao presidente, unha vez máis, que están á súa disposición para traballar conxuntamente no desenvolvemento de medidas que axuden a paliar os efectos sanitarios e socioeconómicos da pandemia.

 

“Fixémolo dende o primeiro momento, incluso ata pedimos unha comisión social a tal fin xa en marzo e, hai menos dunha semana, unha vez coñecidos os casos positivos nos traballadores de seguridade, tamén nos ofrecemos a seguir colaborando, pero nin antes, nin agora, nin despois, ninguén nos contestou. Pedímoslle que informe a todos os Grupos e, que en todo caso, teña en conta as nosas opinións. Se o bipartito quere, terannos ao carón para sumar. Que non lles caiba a menor dúbida porque, ademais, cremos que só así pode ser e só así se pode actuar”, sentencia.