Partido Popular de Lugo

Candia: “Temos que xestionar ben o éxito electoral, traballando con unidade e antepoñendo os intereses dos cidadáns”

Seguindo a rolda de reunións nas agrupacións locais, a presidenta provincial do PP, Elena Candia (deputada autonómica), mantivo un encontro en Chantada, na tarde-noite do venres, cun grupo de traballo do partido.  Agradeceu o seu esforzo aos afiliados que exerceron como apoderados e interventores populares nas pasadas eleccións autonómicas, e tamén a cantos desenvolveron esas mesmas tarefas en toda a provincia, un traballo aínda máis difícil no marco da pandemia. Tamén expresou o seu agradecemento a todos os militantes de base que fan, sen recibir remuneración algunha, o traballo que esixe toda campaña: ensobrado de papeletas, pegada de carteis, colaboración no desenvolvemento de actos, etcétera. Recordou que, pasadas as eleccións, iniciou a visita ás agrupacións, nas que, como o deste venres, se celebran actos de asistencia reducida, porque “o primeiro é a saúde e respectar as normas sanitarias”, algo no que chamou aos populares a ser exemplares. No encontro cos populares chantadinos, Candia dixo entre outras cousas: “Temos que xestionar ben o éxito electoral, traballando con unidade e antepoñendo os intereses dos cidadáns”.

 

“Veño a Chantada a dar as grazas, porque a provincia de Lugo tivo un  resultado moi bo; por primeira vez fomos o primeiro resultado de Galicia  e niso ten moito ver un gran líder”.  Destacou a importancia simbólica de Chantada para o PP de Lugo, porque “é a alcaldía máis grande que temos na provincia”.

 

Candia fixo un chamamento a xestionar este éxito electoral “para traballar para as seguintes eleccións  e especialmente naqueles sitios nos que estamos na oposición”. Como deputada, dixo,  “teño que facer oír a voz da provincia no Parlamento; esa será a miña responsabilidade e póñome a vosa disposición”. Expresou a súa total disposición como presidenta provincial do partido e como deputada “para construír xuntos e para falar das cousas do partido, de proxectos e de investimentos”. É preciso, dixo, traballar xuntos porque “ vén un momento moi complicado, hai moitos negocios que teñen neste momento un futuro moi incerto, coa economía baixando en porcentaxes brutais”. No plano político, destacou que, a pesar da dificultade do momento,  “a oposición non da tregua”. Considera que “é o momento de sumar e de axudar no que se poida”.

 

Unha vez máis, recordou que desde que asumiu a presidencia provincial, o seu obxectivo é conseguir que o PP de Lugo “sexa un partido vivo, no que a xente  opine; este tipo de reunións sempre veñen ben, porque hai moito do que falar e eu sempre estou a vosa disposición”. Candia fixo un recoñecemento explícito “á xente de base” do partido”.

 

Candia dixo: “Creo neste proxecto político e creo en Feijóo, senón nunca deixaría a alcaldía por acompañalo nunha lista; institucionalmente nunca fallou e seguramente nunha época tan difícil o único bo que temos é  o privilexio de que a xestiona unha persoa coa súa altura de miras e da súa responsabilidade”. Por iso, dixo, “Galicia é o sitio no que se mira toda España, porque temos un gran líder e grazas á xente coma vosoutros”.

 

Polo seu lado, o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, explicou que a reunión inicialmente estaba prevista para entre 40 e 50 persoas, pero finalmente, á vista da situación dos rebrotes da covid-19, fíxose máis reducida.  Manifestou: “O resultado conseguido en Galicia é un exemplo para todo o país.  Alberto Núñez Feijóo fixo cousas extraordinarias e na provincia de Lugo unha cousa extraordinaria foi  elixir a Elena Candia como cabeza de lista. Foi un fito conseguir nove deputados na provincia de Lugo”. Indicou que, desde o seu punto de vista, “estas eleccións quen as gañou foi Alberto Núñez Feijóo; todos axudamos, pero senón fora el o candidato non se gañaban así estas eleccións. Foi un éxito tremendo, que oxalá se repita noutros sitios”.