“O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, xa tiña sobradamente demostrado o seu servilismo en relación co Goberno presidido por Pedro Sánchez, pero, no pleno celebrado pola corporación municipal o pasado xoves, quedou nitidamente retratada esa maneira de estar en política e de non defender os intereses de Monforte”. Así o di a portavoz municipal do PP, Katy Varela, que considera “inaudito, inexplicable e intolerable” que o goberno municipal vote contra unha moción en defensa do ferrocarril e da recuperación dos servizos suprimidos coa desculpa da pandemia.
A moción defendida polos populares tiña catro puntos. Tanto o BNG como Esperta Monforte solicitaron que se votase cada punto por separado e apoiaron os tres primeiros. Neles, en síntese, o PP propoñía o seguinte. Por un lado, esixir ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que non utilice a situación derivada da covid-19 como escusa para incidir na discriminación ferroviaria que padece Galicia, en xeral, e en especial, a zona sur da provincia de Lugo. Outra proposta era a de demandar o restablecemento inmediato de todos os servizos de tren que foron suprimidos, nomeadamente, a restitución e mesmo ampliación de frecuencias entre Lugo-Monforte-Ourense e con outros puntos de España como Madrid e Barcelona, entre outros. E por último, os populares buscaban o apoio da corporación para demandar do ministerio o incremento do cadro de persoal de maquinistas e dotar do persoal necesario os servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios.
O grupo socialista rexeitou todas e cada unha das propostas. Lonxe de criticar a perda de servizos ferroviarios, que tanto afecta a Monforte, tanto o portavoz socialista, Iván Torres, como o propio alcalde dedicáronse a desviar a atención en relación co contido da moción para centrar a crítica en cuestións que afectan á Xunta e en cuestionar decisións adoptadas no seu día polo Goberno presidido por Mariano Rajoy.
A portavoz municipal, Katy Varela, declarou: “Lamentamos o comportamento do alcalde e do equipo de goberno no pleno do xoves. É práctica habitual do alcalde desviar a atención cara a outros temas no canto de centrarse nos que están debate cando sabe que incorre en responsabilidade. Neste caso, o señor alcalde, do mesma cor política que o Goberno central, non pode falar do mal que considera que o fixeron outros no pasado e ten que mirar ao presente e ao futuro: o presente é que o 80% das liñas ferroviarias están suprimidas desde o confinamento e aínda non se restableceron, o que ocasionou graves prexuízos para a comarca nos últimos meses”.
Varela tamén manifestou: “Estamos moi decepcionados. Temo que Monforte non ten nestes momentos un goberno preparado para afrontar a situación que vivimos e as consecuencias económicas tan graves que se van a derivar dela; necesitamos un alcalde valente, que pelexe por Monforte, que teña un proxecto de futuro e que non leve ao municipio á deriva”.