Partido Popular de Lugo

Elena Sierra denuncia a falta de limpeza e desinfección dos colectores do lixo en Ribadeo

A vicevoceira do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Elena Sierra, denuncia a “falta de limpeza e desinfección dos colectores do lixo no municipio ante a aparición de moscas que se desprenden deles” e, polo tanto, pide ao goberno local que xestione a súa limpeza para evitar malos olores e puntos de sucidade na vila.

 

A popular sinala que “recibimos queixas a diario” tanto dos veciños e veciñas que teñen que soportar malos olores nas rúas coma de membros do tecido económico que consideran unha mala imaxe para os seus negocios e a súa actividade precisamente nestes tempos de dificultade.

 

Sierra engade tamén que “esta deixadez por parte do goberno do BNG afecta ao sector turístico xa de por si afectado pola situación derivada da pandemia do coronavirus” porque “a aparición de moscas é maior agora no verán” coincidindo coa época na que Ribadeo recibe gran cantidade de visitantes.

 

A concelleira do Grupo Municipal do PP defende que “os ribadenses piden que se limpen os colectores e que o noso concello estea limpo todo o ano”.