O PP de Lugo anunciou esta mañá, nun acto diante da estación de tren da capital lucense, a solicitude a ADIF dunha reunión, para recibir información do cronograma de intervencións previstas para a mellora das infraestruturas e dos servizos ferroviarios. No acto desta mañá estiveron xunto ao vicesecretario de Participación do PP, Jaime de Olano, e da presidenta provincial do partido, Elena Candia, deputados autonómicos e nacionais, senadores, o portavoz municipal, Ramón Carballo, concelleiros e o portavoz provincial.
En palabras de Elena Candia, o PP “demanda con firmeza do Goberno para Lugo o imprescindible fortalecemento dos servizo ferroviarios”. Tras anunciar a solicitude de reunión con Adif, recordou que “non é a primeira vez”. Lembrou que “xa no ano 2018 , unha representación da veciñanza de Lugo visitou Adif”. A comitiva lucense foi recibida polo presidente de entón, Juan Bravo, e pola daquela directora xeral de Explotación, a lucense Isabel Pardo de Vera, hoxe presidenta deste organismo. Nesa reunión “déusenos explicacións e asumiuse un compromiso cronolóxico para que Lugo non quedara desvinculada duns bos servizos ferroviarios, especialmente da alta velocidade”. Naquela reunión, baixo o Goberno presidido por Mariano Rajoy, concretáronse as obras para o tramo Lugo-Monforte-Ourense, así como inversións que poderían aproximarse aos 700 millóns. Abordouse tamén a construción dun aparcamento, que xa está executado.
Transcorreu o tempo e mudou o Goberno. Agora, Candia di que “as últimas noticias que temos son negativas e incluso o posicionamento do Partido Socialista na nosa provincia tenos profundamente preocupados, porque parece que eliminou da súa axenda o compromiso con Lugo no que aos servizos ferroviarios se refire”. Engadiu: “Por iso, co ánimo construtivo que sempre empregamos nas nosas reivindicacións, dicimos alto e claro que Lugo non vai quedar á marxe dos servizos ferroviarios que merece a nosa provincia”. Destacou a importancia do tren para o desenvolvemento económico, sinaladamente para a promoción turística, e, en síntese, para “seguir traballando polo que necesita a nosa provincia, máxime nun contexto sanitario tan complexo como o que estamos a vivir”.
Os populares non permitirán, adiantou Candia, que non se cumpran os compromisos adquiridos con Lugo. “Queremos unha reunión con Adif para que, sobre aquelo que se nos explicou no 2018, vexamos os avances e se ratifiquen o compromiso coa nosa provincia”.
Polo seu lado, Jaime de Olano denunciou unha vez máis o abandono por parte do Goberno de Pedro Sánchez da provincia de Lugo e do conxunto de Galicia. Declarou: “Vemos cómo aprovechó esta pandemia para suprimir servicios que son fundamentales y que conectan nuestra provincia y toda Galicia con el resto de España”.
Olano criticou que o Goberno, segundo se desprende das súas respostas a deputados e senadores, non teña una previsión de cando recuperará os servizos que suprimiu. Igualmente censura que non aclare “el cronograma para las infraestructuras que el Partido Popular había dejado aprobadas para nuestra provincia”. Jaime de Olano dixo: “Observamos una absoluta dejación de funciones por parte del Ministerio de Fomento y el sorprendente silencio cómplice del Partido Socialista en la provincia de Lugo y en Galicia, que cuando tienen que elegir entre sus vecinos y el señor Sánchez, siempre se ponen del lado del señor Sánchez y abandonan a sus vecinos”.