Partido Popular de Lugo

Os populares vilalbeses urxen ao goberno local a abonar as contías que lles deben ás asociacións de veciños das parroquias pola construción de recintos para a recollida de plásticos agrícolas

Os populares de Vilalba urxen ao goberno local socialista a abonar a seis parroquias os 5.739,29 euros pola construción de recintos para a recollida de plásticos agrícolas tal e como recollía o convenio de colaboración entre as asociacións de veciños e o Concello asinado polo anterior goberno do PP.

 

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Baamonde, sinala que “o equipo de goberno respondeu no último pleno á nosa pregunta sobre o pago desta débeda explicando que está pendente de que a alcaldesa asine o decreto para ordenar o seu pagamento. Non habendo outro motivo para tardar en pagar, apremiamos á alcaldesa á que o faga efectivo canto antes”.

 

Os convenios de colaboración entre a administración local e as asociacións de veciños das parroquias vilalbesas de cara á instalacións de puntos de recollida de plásticos agrícolas recollían o compromiso das asociacións de contratar e executar as obras con data límite do 31 de decembro de 2019; mentres que o Concello se comprometía a financiar os gastos da súa construción. Foron un total de seis as parroquias que, finalmente, executaron as obras do total das nove asociacións que asinaran o convenio para a súa construción.

 

“Unha vez xustificados os gastos realizados en relación ao obxecto do convenio e para o que as asociacións dispoñían dun mes de prazo, o Concello ten que proceder ao abono da cantidade que corresponde e que ascende a 5739,29 euros a cada entidade asociativa”, manifestan.

 

Os concelleiros do Partido Popular aseguran que “o goberno local ten que cumprir cos compromisos adquiridos pola administración; máis, se cabe, neste caso que se trata de cumprir cos veciños aos que se lles debe cartos. Son os veciños os que fixeron fronte a eses gastos e están agardando, nalgúns casos, dende fai máis dun ano a que o Concello cumpra a súa parte”.

 

Dende o Grupo do PP lamentan que “este goberno do PSOE faga caso omiso ás peticións das asociacións que lle teñen trasladado as súas queixas de forma reiterada”. Esta demora no pago débese, segundo denuncian, a que “o goberno local non axiliza un pago co diñeiro que, á súa vez, tamén é de tódolos vilalbeses”.