Partido Popular de Lugo

Elena Candia recoñeceu en Burela o traballo dos interventores e apoderados “por defender o noso proxecto nunhas condicións moi difíciles”

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mantivo este venres unha reunión cos interventores e apoderados de Burela na que lles trasladou o seu recoñecemento polo seu gran labor desempeñado nesta e en todas as citas electorais.

Candia destacou o seu agradecemento por “defender o noso proxecto nunhas condicións moi difíciles fronte a quen só quería alarmar e confundir”. E lembrou que “a pesar de todo, o PP gañou as eleccións”. De feito, a popular asegurou que “os veciños de Burela saben que todos os bos proxectos que se executaron no concello levan o selo do noso proxecto político”.

Durante a súa intervención a presidenta do Partido Popular da provincia de Lugo puxo en valor o traballo dos sanitarios e de todo o persoal do Hospital da Mariña.

Xunto á presidenta provincial dos populares, a mariñá Elena Candia, tamén participaron neste acto representantes do Grupo Municipal Popular e outros cargos electos da Mariña coma o deputado no Congreso Jaime de Olano, os deputados autonómicos José Manuel Balseiro e Daniel Vega e o deputado provincial Javier Castiñeira.

 

Traballo fundamental ante a agresiva campaña de desmobilización

O portavoz municipal do Partido Popular, Manuel Rouco, destacou que “nun ciclo electoral tan atípico, con múltiples convocatorias electorais nun só ano -como é o caso das eleccións xerais, cunha repetición nas votacións na mesa única do Perdouro e nesta última votación para a elección do presidente autonómico na que Burela, pola particular situación sanitaria e a situación do principal pulmón empresarial da Mariña, estivo no centro da noticia-, o grandísimo equipo humano que forma a familia do PP en Burela para estas citas, non só estivo á altura; senón que desempeñou un labor extraordinario”. E engadiu que, “na maioría das ocasións este labor fundamental é pouco visibilizado, pero sen el sería imposible sacar adiante as citas electorais”.

Rouco manifestou que “o traballo dos interventores e apoderados foi particularmente notoria nas últimas eleccións autonómicas tendo en conta a agresiva campaña de desmobilización do electorado que trataron de facer outras formacións políticas”. Todos estes colaboradores “exemplifican a capacidade e a grandeza dun partido cuxo principal obxectivo é mirar polos intereses da cidadanía dende unha óptica socioeconómica de xestión eficaz”.