Partido Popular de Lugo

O alcalde da Fonsagrada usa o seu voto de calidade para rexeitar o establecemento de axudas directas a empresarios, autónomos e gandeiros para paliar os efectos económicos da covid-19

O voceiro popular da Fonsagrada, José Regueiro, critica que “o alcalde usou o voto de calidade para non aprobar unha moción do Grupo Municipal do PP para o establecemento de axudas directas a empresarios, autónomos e gandeiros afectados pola crise económica motivada pola pandemia da covid-19” porque demostra “unha falta de responsabilidade e de vontade por arrimar o ombreiro de cara ao impulso da actividade económica do municipio”.

 

Regueiro condena que “o goberno local non fixo nada de nada sobre este asunto como si fixeron outros concellos ao aplicar reducións ou exencións de taxas e impostos municipais -IAE, IBI, impostos obre o lixo, auga, terrazas ou venda ambulante-“. E, aínda por riba, engade o popular, “tampouco apoia esta iniciativa. Así demostra o rexedor socialista o seu compromiso na defensa dos veciños da Fonsagrada”

 

“Co ánimo de ser construtivos e paliar os efectos sociais e económicos do coronavirus na Fonsagrada”, os populares consideran necesaria a activación de axudas directas a empresarios, comerciantes, autónomos e gandeiros; outras axudas económicas e formación a emprendedores e para o impulso do comercio local; así coma a redución do período de pago a provedores do Concello e o apoio ás persoas e familias máis vulnerables e con poucos ingresos.

 

Revisión e modificación dos colexios electorais

A comodidade, accesibilidade e distribución dos colexios electorais centraron outra das iniciativas do Grupo Municipal do PP da Fonsagrada que logrou saír adiante por unanimidade no último pleno. O acordo plenario recolle instar ao organismo correspondente a revisar e modificar a situación dos colexios electorais para que garantan un espazo cómodo e accesos adecuados no desenvolvemento da xornada electoral, así coma o cambio de localización atendendo ás distancias dende os domicilios dos veciños aos colexios electorais máis próximos.

 

Os populares explican que “somos coñecedores de que existen deficiencias claramente notables nas instalacións que acollen ata agora os colexios electorais que non dispoñen de calefacción, ventilación e mesmo presentan humidades”. É dicir, “non contan cos recursos suficientes para garantir unha estancia agradable das persoas que compoñen a mesa electoral durante a xornada das votacións”. Así mesmo, aseguran que “os accesos incómodos son motivo para que algunhas persoas non acudan a votar”.

 

Dende o Grupo Municipal Popular tamén propuxeron a revisión dos colexios electorais ao consideran pouco axeitado que, tralas últimas reestruturacións de cada un, por exemplo “os veciños da parroquia de Arroxo aos que lles corresponde o colexio electoral de Cereixido teñan que pasar pola poboación de Lamas de Moreira que tamén conta cun colexio electoral. Non é práctico para os veciños e veciñas”. Por iso cremos que se debe revisar para “establecer os colexios electorais nas poboacións máis próximas aos votantes e facilitarlles o dereito ao voto”.