Os concelleiros do grupo municipal do PP de Viveiro mantiveron sendas reunións, na sede local do partido, con asociacións para explicar o contido do proxecto de ordenanza reguladora da Convivencia, Limpeza e Residuos, e para dar a coñecer as obxeccións que fan a este documento. Ademais das deficiencias que atopan no propio texto, os populares lamentan a falta de transparencia na xestión dunha normativa tan necesaria para Viveiro como é esta.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala que ao goberno municipal, presidido pola socialista María Loureiro, “éncheselle a boca falando de transparencia, pero, á hora da verdade, a transparencia na xestión do goberno de Viveiro non existe; o modo en que prepararon esta ordenanza é un bo exemplo de como son as cousas realmente”. Os populares solicitarán oficialmente a retirada do proxecto de ordenanza, que xa foi aprobado inicialmente polo goberno e agora está aberto o prazo para a presentación de alegacións. Os populares presentarán alegacións e explicaron aos representantes das asociacións que tamén poden facelo todos os que o consideren oportuno. “É inxustificable que o goberno de María Loureiro non mantivera reunións coas asociacións para recoller as súas propostas e para explicar o contido da normativa”, manifestou Rodríguez.
Rodríguez lamenta que o goberno municipal non buscase o consenso para sacar adiante unha ordenanza que considera moi necesaria para Viveiro. Rodríguez insiste no que xa dixo días atrás: “Para nós, unha ordenanza coma esta ten que ser moi clariña, de maneira que todos os cidadáns saiban a que están obrigados e que dereitos teñen nos temas aos que afecta esta normativa”. E non é así, “senón que é confusa, reiterativa e escasa en moitos aspectos; non aborda situacións relacionadas coa crise sanitaria, algo que é inaudito cando se trata dunha normativa que regula a limpeza e os residuos”.