“Veño a pedir o voto para unha Galicia segura, que se atopa nunha encrucillada e unha situación de enorme incerteza a causa dunha pandemia sanitaria, cos efectos económicos e sociais que supón”.
Por este motivo, Feijóo demandou “que ningún galego renuncie a ser protagonista dos vindeiros catro anos de Galicia e se quede sen ir a votar”.
O Presidente do PPdeG lamentou “o interese dalgún partido en propoñer unha estratexia de medo a votar”. Porén, afirmou que “os galegos non imos picar” nesa manobra, porque, “do mesmo xeito que están abertos supermercados, tendas, bares ou restaurantes, todos os colexios electorais abrirán o domingo con normalidade logo de ser supervisados polas autoridades sanitarias”.
Así mesmo, trasladou unha “mensaxe de agarimo e de optimismo” a toda a provincia de Lugo porque está a sufrir un brote da Covid-19, especialmente no concello de Burela e con menos incidencia noutros municipios colindantes. Deste xeito, pediu “a toda a xente da Mariña que vaia a votar polo futuro desta comarca e polo futuro dos traballadores de Alcoa para que ninguén decida por eles”.
“Non podemos cernar os dereitos de 55.000 votantes na Mariña por ter menos de 200 persoas confinadas nas súas casas afectadas por coronavirus”, porque “esas persoas que din que votar non é seguro, seguro que eles van ir votar”. Neste sentido, incidiu que “as autoridades sanitarias din que é seguro votar”.
Para rematar, demandou o voto para “seguir coa modernización da provincia de Lugo e da súa capital”. En concreto, referiuse ao equipamento e as infraestruturas do Hospital Lucus Augusti, o novo centro de saúde integral no Barrio da Residencia ou o polo aeroespacial de Rozas. Ademais, avanzou que se continuará incrementando as prazas en residencias de maiores, en escolas infantís e nos colexios, así como mellorando a conectividade de Lugo co resto da provincia.
Lembrou que “sempre que me presentei tiven a confianza da maioría dos lucenses”, polo que volveu a pedir o voto “para ter un goberno que goberne, estable, un grupo parlamentario maioritario, aprobar anualmente as contas e seguir xestionando a pandemia sanitaria co rigor que fixemos nos últimos meses”.