Partido Popular de Lugo

Os candidatos populares destacan na Tinería “a aposta do Goberno Feijóo pola rehabilitación de inmobles para dirixilos a vivenda protexida”

Os candidatos do PPdeG pola provincia de Lugo Ramón Carballo e Encarna Amigo participaron xunto á candidata popular e cabeza de lista pola provincia da Coruña, Ángeles Vázquez, nunha visita ao barrio lugués da Tinería onde destacaron “a forte aposta do Goberno Feijóo pola rehabilitación de inmobles abandonados ou en estado de semiabandono para destinalos a vivenda protexida. O Goberno galego está a impulsar a conservación e a mellora do patrimonio construído a través do programa Rexurbe” -impulsado no 2017 e dirixido á recuperación de conxuntos históricos e zonas especialmente degradadas- que, á súa vez, “contribúe a incrementar e favorecer o acceso á vivenda en condicións vantaxosas”, engadiron.

 

A través desta iniciativa, defenderon, “a cidade de Lugo contará con nove vivendas de promoción pública no barrio da Tinería grazas a un investimento de 1,31 millóns de euros”. Os candidatos ás eleccións autonómicas do domingo 12 de xullo referíronse tamén a unha achega de 540.000 euros para “a adquisición de tres inmobles por parte do Goberno presidido por Feijóo dos que se prevé obter outras tantas vivendas de promoción publica nesta emblemática zona”.

 

De feito, Carballo puxo en valor que “as vivendas de promoción pública postas a disposición da veciñanza no barrio da Tinería polo Goberno galego, todas elas en réxime de alugueiro, son xa o fogar de 80 familias que contribúen a revitalizar este emblemático barrio do casco histórico lucense”.

 

Os candidatos populares lembraron, así mesmo, durante a súa visita ao barrio outras iniciativas do Goberno Feijóo coma a rehabilitación de edificios ou ámbito singulares na cidade de Lugo coma a Casa da Torre (Hospital de San Miguel) na que se invisten 610.000 euros para dirixila a usos administrativos e divulgativos; o Pazo de Dona Urraca que se prevé dirixir a fins culturais e a urbanización da unidade de intervención UI-8.

 

ACCESO Á VIVENDA

Os populares sinalaron que “o Goberno Feijóo, de contar coa confianza da maioría dos galegos e galegas o vindeiro domingo, continuará avanzando nas distintas iniciativas postas en marcha para a rehabilitación de vivenda e tamén nas medidas para facilitar o acceso á vivenda en Galicia coa creación de programas de fomento da compra de vivenda protexida de nova construción ou produto de rehabilitación, preferentemente nas áreas Rexurbe; entre outros”.

 

“Trala aprobación da Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana aprobada no ano 2019, porase en marcha a rehabilitación de preto de 3.000 vivendas en Galicia a través da declaración de novas áreas Rexurbe”, destacaron.