Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada considera “electoralista” a sinatura do protocolo para a construción dun polígono na localidade

O Grupo Municipal de A Fonsagrada considera “electoralista” a sinatura prevista do protocolo entre a Deputación e o Concello para a construción dunha área industrial na localidade. Así o indica o voceiro, José Regueiro, logo de recibir o convite para esta acto, fixado para mañá xoves, na Casa Consistorial, ás 12:00 horas.

 

O popular, que adianta a súa asistencia a dito encontro, critica así que este se celebre a tan só uns días antes dos comicios autonómicos, así como que a fórmula empregada sexa un protocolo, sobre todo, cando o goberno provincial afirmara publicamente, ante a petición do Grupo Provincial do PP de executar o asinado en 2018 co Concello de Xove para o arranxo de estrada provinciais, que “un protocolo non obriga a nada”.

 

“Isto chámase intentar querer quedar ben ou facer as cousas como interese en cada momento. Con Xove non servía e agora coa Fonsagrada. Ás súas palabras nos remitimos”, insiste o voceiro do PP, ao tempo que lamenta que os socialistas da Deputación e do Concello actúen “en función de intereses partidistas e electoralistas”.

 

“Durante tantos anos de socialismo na Fonsagrada, tiveron tempo dabondo para que a área industrial estivese xa construída, pero é agora, ás portas dunhas eleccións, cando se acordan dela. O PP estará presente nese acto, pero si que consideramos tamén importante trasladar a todos os veciños e veciñas dúas cuestións: primeiro, que o fan porque o domingo hai unha cita coas urnas e, segundo, que asinar un protocolo non é garantía de que este municipio vaia a contar cunha área industrial no futuro”, conclúe Regueiro.