Partido Popular de Lugo

As candidatas populares Elena Candia e Cristina Sanz destacan o traballo social da igrexa evanxélica Buenas Noticias

A igrexa evanxélica Buenas Noticias, ubicada na rúa Emilia Pardo Bazán da capital lucense, desenvolve un amplo traballo no campo social. A cabeza de lista do PP por Lugo para as eleccións autonómicas, Elena Candia, mantivo hoxe unha conversa, por vía telemática, co pastor da citada igrexa, Marcos Zapata, e con outros representantes desta entidade. No templo, con Zapata, estiveron a tamén candidata Cristina Sanz, o senador José Manuel Barreiro e varios concelleiros, entre eles Antonio Ameijide e Óscar Poy (deputado provincial). Candia non puido desprazarse á capital dende Mondoñedo, onde reside, a causa da temporal limitación de mobilidade necesaria para controlar o rebrote dos contaxios de covid-19 na Mariña.

 

Zapata explicou aos representantes populares a actividade que desenvolve esta igrexa evanxélica e as moitas accións de contido puramente social que leva a cabo. Entre estas últimas, figura o reparto de alimentos a máis de 900 familias.

 

As candidatas populares destacaron o papel principal que teñen para o PP as políticas sociais como peza fundamental do estado de benestar. A cabeza de lista do Partido Popular por Lugo puxo en valor o traballo social que realiza a igrexa evanxélica.

 

Polo moi amplo local da rúa Pardo Bazán pasan cada domingo máis de 300 crentes, repartidos en varias quendas.