O presidente da Deputación, José Tomé (PSOE), convocou unha reunión telemática con alcaldes da Mariña para tratar sobre o rebrote de contaxios de covid-19. O portavoz do grupo provincial popular, Javier Castiñeira, expresa a súa sorpresa “por esta citación do goberno Deputación a alcaldes da Mariña”; é unha sorpresa, explica Castiñeira, porque esta iniciativa é totalmente contraditoria coa “política desenvolvida polo presidente Tomé durante os peores momentos da pandemia”. O máximo responsable da Deputación rexeitou entón reunirse con alcaldes e concelleiros de toda a provincia, “cando a poboación, máis de 330.000 persoas, estaba confinada, había moitos lucenses hospitalizados e as residencias vivían o seu peor momento”. Remarca Javier Castiñeira que, nesas durísimas circunstancias, o socialista José Tomé “non quixo reunirse cos partidos políticos para tratar de buscar un plan común, rexeitou a proposta do PP para convocar á xunta de portavoces e tampouco quixo deseñar un plan poscovid, proposto tamén polo PP, para axudar a empresas e autónomos”. Castiñeira cre que se Tomé convoca agora aos alcaldes é para tratar de sacar rendemento político.
Castiñeira declara: “Respectaremos estritamente os criterios da Consellería de Sanidade, que está tomando as medidas que entende necesarias; o que ten que primar a día de hoxe é a saúde dos nosos veciños. Hai un brote na Mariña e a poboación debe tomar as medidas que indica a Consellería de Sanidade para evitar contaxios”.
O portavoz provincial dos populares lanza “unha chamada de atención ao goberno da Deputación, porque non pode dar leccións de xestión en relación coa covid-19 despois do que pasou neste meses”. Di Castiñeira: “Tampouco nos gusta a actitude dalgúns membros do BNG, en concreto de Antón Veiga, concelleiro de Barreiros, que culpa directamente aos alcaldes do PP na Mariña por non responsabilizarse, cando é totalmente ao contrario; neste caso non hai ningún tipo de perfil político: entendemos que todos os alcaldes están actuando para tratar de dar respostas eficaces nas actuais circunstancias e coa máxima dedicación posible”. Castiñeira considera que “non se pode banalizar unha cuestión coma esta como fai o BNG no día de hoxe, intentando sacar rédito político dunha situación sanitaria que afecta a A Mariña e que entre todos imos a controlar para saír adiante”.