O número 3 da candidatura do PP por Pontevedra para as eleccións autonómicas, Alfonso Rueda (vicepresidente da Xunta de Galicia), visitou hoxe as instalacións do Club Fluvial de Lugo, a sociedade con máis socios na capital lucense ao contar con 18.000. Seguidamente, deu un paseo pola beira do Miño, acompañado de membros da lista por Lugo.
No transcurso da estancia de Rueda na cidade amurallada, os candidatos puxeron en valor as subvención concedidas pola Xunta ás asociacións de veciños de Galicia e, en concreto, da provincia. En Lugo, no 2019 a Xunta repartiu máis de 278.000 euros en axudas para obras e equipamentos de 23 asociacións de veciños. Grazas a estas achegas, as asociacións da provincia puideron rehabilitar e acondicionar os seus locais, comprar novos equipamentos, así como reparar camiños veciñais ou mellorar o abastecemento de auga dalgúns núcleos.
Con respecto ao ano en curso, hai que sinalar que as axudas aínda están por resolver. As actuacións financiadas ao abeiro desta convocatoria de axudas inclúen, por unha banda, os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os que teña un dereito de uso para reforma, ampliación e mellora. Tamén poder destinarse a adquisición dos equipamentos necesarios para o seu funcionamento ordinario, o que lles permite manter a actividade que desenvolven, así como a prestación de servizos e organización de actividades.
O importe máximo que se concederá será de 17.000 euros por entidade, 12.000 euros para a realización de obras e 5.000 euros para a dotación de equipamento.
A Xunta pode anticipar o 100% da contía das axudas. Ademais, como novidade, na convocatoria deste ano, as axudas concederanse por concorrencia competitiva, e non por orde de presentación coma nos exercicios anteriores.