Partido Popular de Lugo

Os populares apostan pola posta en valor da terra agraria e o aumento da base territorial das explotacións

Os candidatos populares ás eleccións autonómicas pola provincia de Ourense e actual conselleiro de Medio Rural, José González, e a integrante das listas do PPdeG pola nosa provincia, Raquel Arias, participaron esta mañá nunha visita ao municipio do Incio onde mantiveron un encontro con veciños e veciñas para explicarlles  o contido da futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia que ten como obxectivo aumentar a base territorial das explotación gandeiras.

 

“A posta en valor das terras abandonadas ou infrautilizadas permite recuperar a actividade económica e social volvendo poñer a terra en produción”, indicou tamén González durante a visita á aldea modelo de Trascastro, no municipio do Incio, onde o conxunto dos terreos recuperados “funcionarán como devasa natural fronte ao lume”; xa que “será a propia actividade agrogandeira a que  actuará como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar os terreos tódolos anos”.

 

APOIO DO GOBERNO GALEGO Á PRODUCIÓN LÁCTEA

Durante a súa visita a unha explotación gandeira da parroquia de Santalla de Bardaos, González sinalou que “a produción láctea galega aumentou un 7% e o prezo medrou nun 14% dende que remataron as cotas lácteas en Europa. Hai que seguir traballando”, recoñeceron; pero, incidiu en que “o desastre que auguraban algúns coa desaparición das cotas lácteas non se cumpriu, senón que se está reforzando o sector grazas ao apoio do Goberno galego”.

 

Os populares aseguran que “o lácteo é un eido estratéxico en Galicia” e, polo tanto, apostan por “seguir apoiando ao sector tal e como o Goberno galego fixo ata agora ou máis, se cabe, ante a situación tan excepcional que vivimos actualmente”. De feito, este apoio do Goberno de Feijóo maniféstase, nestes momentos, “co anticipo do pago de case 300 millóns de euros a agricultores e gandeiros correspondentes a diferentes liñas de axudas”, unha iniciativa que forma parte do plan de liquidez.