O número dous polo Partido Popular de Galicia na provincia de Lugo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a tamén candidata ao Parlamento por Lugo, Raquel Arias, visitaron este sábado as instalacións da Bodega Regina Viarium en Sober, unha das dúas bodegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra con selo Galicia Calidade.
Conde puxo en valor o peso do sector vitinícola para a economía galega, que experimentou un crecemento do 60% na última década. O conselleiro subliñou a importancia de apoiar á industria tanto para facilitar a recuperación económica, reforzando o tecido empresarial, como para contribuír á fixación de poboación no rural.
A este respecto, Conde salientou o protagonismo da Ribeira Sacra dentro da oferta turística de Galicia, e subliñou que o PPdeG continuará defendendo o papel da comarca como dinamizador do emprego, traballando para poñer en valor os seus espazos e reivindicando a súa candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco.
AXUDAS PARA O SECTOR DO VIÑO
Raquel Arias sinalou a importancia de que “todos vaiamos a votar”. “Só así, dixo, a Ribeira Sacra seguirá acadando o recoñecemento que merece e que reverterá no desenvolvemento deste concello e de toda a zona, así como no impulso da economía e de novas oportunidades de negocio, de emprego e de emprendemento. Temos viño, temos turismo, temos patrimonio, temos medio ambiente; en definitiva, numerosos recursos que xa foron postos en valor co goberno de Feijóo. Por tanto, animo a todos os lucenses a que o día 12 acudan ás urnas convencidos de que se gaña Feijóo, gaña Galicia, gaña Lugo e gaña a Ribeira Sacra”.
Proba delo, é que o sector vitivinícola foi un dos sectores que máis se está a resentir a consecuencia da crise sanitaria, pero a Xunta de Galicia xa puxo en marcha unha nova liña de financiamento para inxectar liquidez ás pemes e autónomos para axudarlles a atender as necesidades máis inmediatas como o pagamento de salarios, facturas ou alugueres.
Esta orde, á que se poden acoller as adegas da Ribeira Sacra, está dotada de 30 millóns de euros e permitirá mobilizar 250 millóns entre o tecido empresarial galego. Avalará entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio. Os beneficiarios dispoñen de prazos de amortización de ata catro anos cun de carencia, cun máximo de 1,5% de interese, que será bonificado ao 100%.