Partido Popular de Lugo

O PP cree que cada día hai máis motivos para sospeitar que os exempregados de Suplusa fan en Tragsa máis tarefas que manter as zonas verdes provinciais

En resposta a unha pregunta do PP, a deputada socialista Pilar García Porto, portavoz do goberno da Deputación, negou na máis recente sesión plenaria, ter información acerca da posibilidade de que se estivese desviando o traballo dos exempregados de Suplusa que prestan agora os seus servizos en Tragsa a tarefas que non están previstas na encomenda feita a esta empresa pública polo organismo provincial, para mantemento das súas zonas verdes. A sesión plenaria celebrouse o 30 de xuño; ao día seguinte o periódico El Progreso publicou unha fotonoticia co título “La Diputación desbroza las márgenes urbanas del río Cabe en Monforte”, na que se di que ese traballo se enmarca nun convenio entre o organismo provincial e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil “nunca antes ejecutado en Monforte”. O grupo provincial do PP solicitou formalmente ao goberno provincial acceso (e copia) ao convenio aludido na indicada información. O presidente da Deputación, José Tomé (PSOE), é o alcalde de Monforte,

 

A portavoz socialista dixo na súa resposta ao PP que ela non tiña información en relación coa cuestión formulada. Os populares apuntaron na pregunta a súa sospeita de que se estean encomendando pola empresa Tragsa aos extraballadores da liquidada Suplusa tarefas que non se corresponden co mantemento das zonas verdes provinciais e que, polo tanto, escaparían do marco da encomenda feita pola Deputación á dita empresa pública. A resposta de García Porto unida a información da limpeza das beiras de Cabe en Monforte fai aumentar as sospeitas dos populares, de maneira que reclaman do presidente da Deputación, José Tomé, explicacións claras sobre este asunto.

 

O viceportavoz popular José Antonio García di que “en todo caso, o que está claro é que hai unha situación que é preciso aclarar e que os extraballadores de Suplusa están nunha situación laboral de inestabilidade que nin é xusta nin merecen”.