Partido Popular de Lugo

Candia destaca que co inicio da obra da nova Oficina de Emprego avanza o ambicioso proxecto do Goberno Feijóo para recuperar o barrio da Residencia e sumar novos servizos

A cabeza de lista do PPdeG ás eleccións do vindeiro domingo 12 de xullo pola provincia de Lugo, Elena Candia, destacou “a forte aposta do Goberno de Feijóo pola recuperación do barrio da Residencia” e avanzou que “está previsto para este mesmo mes de xullo o inicio das obras para a creación da nova Oficina de Emprego e Formación” no lugar que ocupaba o antigo edificio administrativo do Hospital Xeral. Foi durante unha reunión cos veciños e veciñas na que tamén participaron os candidatos Ramón Carballo, Cristina Sanz, José Manuel Balseiro e Encarna Amigo; xunto ao candidato pola provincia de Pontevedra Valeriano Martínez, actual conselleiro de Facenda.

 

Candia sinalou que “Feijóo cumpriu a súa palabra e puxo en marcha un ambicioso proxecto que require un investimento de máis de 30 millóns de euros para ofrecer aos lucenses, principalmente, distintos servizos sociais nos terreos que ocupaba o antigo Hospital Xeral”.

 

Ademais da nova Oficina de Emprego e Formación, o barrio da Residencia contará co primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia que se está a construír nos terreos do vello Hospital Materno cun investimento de 11,4 millóns de euros.

 

Tralo remate da demolición do vello Hospital Xeral que supuxo a achega de máis de 4,7 millóns de euros para estas actuacións; este espazo acollerá tamén unha nova residencia da terceira idade promovida pola Consellería de Política Social en colaboración coa Fundación Amancio Ortega e que dotará á cidade de 120 prazas para persoas maiores. Xa se está a redactar o proxecto técnico desta dotación que require un investimento de 12 millóns de euros para o seu desenvolvemento.

 

A Residencia albergará tamén un centro de emprendemento aeronáutico que, na actualidade, se atopa en servizo no Pazo de Feiras e unha central de biomasa que proporcionará enerxía ao complexo.

 

As actuacións neste espazo que da nome ao barrio completaranse co seu axardinamento para o que o Goberno galego xa ten asinado o convenio co Concello de Lugo como “mostra da vontade colaboradora do Goberno de Feijóo coa cidade de Lugo para ofrecer os mellores servizos aos seus veciños e veciñas”.