O Grupo Municipal Popular (GMP) de Burela ven de presentar unha reclamación ao orzamento do ano 2020 por un gravísimo defecto de forma. “Trátase da memoria de alcaldía, que aparece reflexada nun dos informes de intervención e que, sen embargo, non aparece por ningún lado no expediente do orzamento do ano 2020 levado ao pasado pleno”, afirman os populares.
“Esta situación xa foi advertida o pasado catro de xuño, no transcurso do pleno, polo noso grupo pero, sorprendentemente, fíxose caso omiso á nosa advertencia e, tanto o grupo socialista, que votou a favor, a pesares da gravísima irregularidade, coma o BNG, que lle consentiu cunha nova abstención, conseguiron sacar para adiante o presuposto”.
Dende o Grupo Popular lembran que “se trata do orzamento máis represivo dos últimos anos, presentado tarde e mal”. “Represivo porque diminúe a dispoñibilidade orzamentaria en máis de 130.000 euros, é dicir as subvencións e os investimentos en obra pública, con respecto ao exercicio 2019, e incrementa a presión fiscal, é dicir os impostos e taxas que imos ter que aboar os veciños e veciñas de Burela, en máis de 140.000 euros, con respecto a ese mesmo exercicio.”
E seguen, “presentouse tarde porque este orzamento xa debería haber sido presentado ante a corporación municipal, como moi tarde en febreiro, tal e como o propio Llano anunciou no seu día, pero non, foi no seu quinto anuncio e con case que cinco meses de retraso, cando finalmente foi presentado”.
“E, finalmente, despois de catro borradores, presenta mal este orzamento”. “Se fora a primeira vez, pero non, o Sr. Llano xa ten unha dilatada experiencia política polo que sabe perfectamente que o que fixo non entra dentro do marco da legalidade, máxime tendo en conta o clarísimo informe de intervención neste senso, que expresa con rotundidade que é un documento legalmente esixible”, aclaran os populares.
“A dúbida que nos asalta é, por que, que leva ao Sr. Llano a cometer esta torpeza administrativa e política”. “Trátase dunha mostra máis da súa incapacidade organizativa e xestora ou existe intencionalidade“, pregúntanse dende o Grupo Municipal.
Os populares son contundentes,“o que si temos claro dende o GMP é que nin o Sr. Llano nin o seu equipo de goberno están por encima da Lei”. “E, en medio de todo este novo despropósito, os comerciantes e demais veciñanza de Burela, seguimos sen saber nada das medidas económicas, tantas veces publicitadas e vendidas polo Sr. Llano, para mitigar a grave crise que estamos a padecer, sobre todo cando noutros concellos xa hai tempo que se están a aplicar”, conclúen dende o PP.