O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que o seu goberno garantirá unha Galicia fiable, estable e ben xestionada. Así mesmo, animou “a todos aqueles aos que lles interese Galicia que vaian a votar, aos que lles interese a estabilidade, a experiencia e seguir traballando xuntos que vaian a votar, porque votar é o exercicio de maior responsabilidade e de maior compromiso coa sociedade”.
Nun acto electoral celebrado en Sarria, Feijóo manifestou que a gran maioría dos galegos “queremos unha Galicia estable que dea confianza para desenvolver proxectos vitais e profesionais, porque cremos que o emprego é a prioridade; queremos un rural do que poder vivir e no que poder vivir; queremos que a riqueza do noso mar sexa benestar para as mulleres e homes que o traballan; queremos que nos visiten, porque somos unha terra aberta e xeran ingresos e emprego; e queremos unha Galicia que creza, como o fixo nos últimos anos”.
Porén, alertou que acadar estes obxectivos non será sinxelo porque estamos diante dunha situación moi difícil: con España á cola das previsións do FMI, da Comisión Europea ou do Banco de España; e nunha crise tanto de demanda como de oferta.
MENSAXE DE CONFIANZA
Feijóo trasladou unha mensaxe de confianza porque, logo de superar a crise económica dos últimos anos, Galicia está máis preparada para facer fronte ao máis duro da pandemia da Covid-19 e “non chegamos ao goberno para aprender”. Tamén salientou a estabilidade política que vive Galicia, na que ano tras ano se aproban os orzamentos da Xunta, se reduce o déficit e a débeda, e se pagan as facturas aos provedores en menor prazo.
Ademais, sinalou que “temos experiencia de xestión e un programa para cumprir desde o día seguinte das eleccións autonómicas que apoia ás persoas que máis o precisan, como emprendedores, autónomos, a xente do mar, a conserva ou o agroalimentario”. Neste sentido, dixo que “non entendemos por que hai que pechar industrias en Galicia que funcionaban desde hai moitos anos, como a central térmica de As Pontes, Ence ou Alcoa”. “Non se pode admitir que estean pechando Alcoa diante de nós e desviando a atención cara outros lugares. Que poñan un prezo da enerxía compatible coa produción de aluminio e que se deixen de xogar co futuro de más de mil familias de Lugo”, demandou.
Referíndose en concreto a Sarria, Feijóo lembrou a construción do centro de saúde, o remate do corredor Sarria-Monforte, a nova depuradora, a mellora do centro de atención á discapacidade ou do centro de información ás mulleres, así como actuacións futuras como a reforma integral do Colexio Frei Luis Granada ou a recente licitación da primeira fase da autovía Sarria-Lugo, un compromiso que se executará a pesar das consecuencias económicas da pandemia da Covid-19.
Para rematar, sinalou que “esa política tan estendida en España que divide aos cidadáns en dous bloques de partidos non e bo trasladala a Galicia”. Deste xeito, afirmou que a gran maioría dos galegos compartimos preocupacións e ilusións e o PPdeG o que busca é poder dar unha resposta axeitada para todos e levar adiante o que farían a maioría dos galegos”, polo que animou para que vaian a votar “a todos os que queiran estabilidade, experiencia e que sigamos traballando xuntos”.