Partido Popular de Lugo

Candidatos do PP lucense resaltan a importancia do comercio na economía da provincia e explican as medidas da Xunta para apoiar ao sector

Os candidatos populares Elena Candia, Francisco Conde (conselleiro de Economía, Emprego e Industria), Cristina Sanz e Ramón Carballo visitaron esta tarde a sede da Federación de Comercio de Lugo, presidida por José María Seijas, e mantiveron un encontro con representantes do sector, no que abordaron distintas cuestións relacionados co mundo do comercio, no momento en que afronta o difícil reto da nova normalidade. Precisamente, co obxectivo de facilitar a reactivación do tecido empresarial e que se poida adaptar a actual situación, derivada da pandemia provocada pola covid-19, a Administración autonómica puxo en marcha numerosas medidas.

 

Elena Candia, cabeza de lista do PP por Lugo, declarou: “Dentro das programación dos actos de campaña,  reunímonos esta tarde coa Federación de Comercio varios integrantes da candidatura ao Parlamento de Galicia pola provincia de Lugo, concretamente Cristina Sanz, Ramón Carballo e Francisco Conde, que asume a responsabilidade de conselleiro de Industria. O obxectivo é acercar a este colectivo todas as medidas que están en vigor impulsadas pola Xunta para axudar a sobrelevar un momento tan complicado. É un acto da nosa campaña, na que sen confrontación, sen descualificación de ninguén e sempre intentando construír, falamos do que neste momento máis lle preocupa á xente. O pequeno comercio, os autónomos,  son un dos sectores polos que máis preocupados estamos e no que temos que poñer esforzos e recursos e lograr que toda a información sexa o máis accesible posible para que chegue ao maior número de interesados”.

 

Pola súa parte, Francisco Conde manifestou: “Temos un encontro cos comerciantes de Lugo, con ese sector que está pasando por dificultades pero que conta co apoio da Xunta de Galicia, coas diferentes medidas impulsadas para a  transformación de espazos e  para a súa dixitalización. E as axudas directas para os autónomos, que deben permitir esa reinvención e adaptación para poder recuperar o comercio de proximidade, que xera emprego e dinamiza a nosa provincia”.

 

Desde a Administración autonómica se implementaron distintos recursos para dar respaldo ao sector do comercio en Galicia. Así, en materia de prevención está o programa Reactiva, con axudas por importe de 16M€, xa dispoñibles, para adaptar locais e establecementos comerciais, e tamén do sector turístico e do transporte, así como a plataforma de asesoramento gratuíto, Comercio Seguro.

 

En canto a financiamento hai dispoñible unha liña de préstamos de ata 200.000€ para pemes e autónomos, da que a Xunta bonifica o 100% dos intereses para inxectar liquidez inmediata ao sector (convocada). Hai ademais a opción de microcréditos de entre 3.000 e 25.000 euros, tamén sen intereses, dirixidos a micropemes de menos de 10 traballadores.

No caso das axudas directas, o Cheque Autónomo (16M€) está dirixido a máis de 35.000 autónomos galegos con axudas directas de ata 1.800 euros para gastos correntes, material de protección, venda a domicilio e marketing online (pendente convocatoria).

 

En materia de dixitalización, hai que anotar que convocáronse (e están en fase de resolución) axudas por valor de 4M€ para a modernización do comercio de proximidade. Igualmente, o Cheque Dixital (7M€), para incorporar novas tecnoloxías, impulsar o teletraballo e mellorar a conectividade nas empresas do rural (convocada). Nesta liña figuran as axudas do programa Galicia Exporta Dixital (3,6M€) ás que, por primeira vez poden acceder os comercios (xa convocadas).

 

Para asesoramento, os interesados poden recorrer  ao servizo  IGAPE Responde: 900 815 151 (teléfono gratuíto) igaperesponde@igape.es