Partido Popular de Lugo

Os populares lucenses destacan que “o Goberno galego avanza na mellora das instalacións educativas da nosa provincia”

“O Goberno galego avanza na mellora das instalacións educativas da nosa provincia”, asegurou a candidata do PPdeG ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo, Sandra Vázquez. Foi no marco dunha visita a Castro de Rei na que tamén participou a conselleira de Educación, Carmen Pomar, onde a popular puxo como exemplo do “esforzo inversor do Goberno de Feijóo en materia de educación e en apoio ás familias do rural a achega de 250.000 euros para sufragar as obras de reforma sectorial deste colexio atendendo ás propostas da comunidade educativa”.

 

“Este tipo de accións responden ao noso compromiso por desenvolver políticas dende a administración autonómica que contribúan a fixar poboación no rural da nosa provincia”, defendeu.

 

ACCESIBILIDADE, ILLAMENTO E EFICIENCIA ENERXÉTICA

Vázquez especificou as melloras a acometer no centro que “permitirán aos alumnos e alumnas deste centro educativo do municipio de Castro de Rei contar cunhas instalacións cunha mellor accesibilidade -grazas á construción de ramplas de acceso- e cun novo sistema de pechamento que contribuirá á mellora do illamento térmico trala reposición das súas ventás”.

 

En relación tamén ao illamento, a candidata do PPdeG destaca que “se colocará material illante sobre o forxado do baixocuberta e, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética que permita, ao mesmo tempo, reducir a factura da luz do colexio Ramón Falcón, dentro das actuacións de reforma sectorial tamén se inclúe o cambio de luminarias por lámpadas de tecnoloxía LED”. Igualmente, está previsto acometer a substitución de aseos na segunda planta e da caldeira de gasóleo​.