Partido Popular de Lugo

O PP sospeita que se desvía o traballo en Tragsa dos exempregados de Suplusa a zonas verdes que non son da Deputación

O grupo provincial do PP considera que o goberno da Deputación intenta manter na penumbra da súa xestión, lonxe dos anunciados criterios de transparencia, todo o que ten que ver coa encomenda efectuada á empresa pública Tragsa para o mantemento das zonas verdes dependentes desta institución. Chega a este convencemento á vista de que o equipo presidido polo socialista José Tomé elude reiteradamente facilitar a información que reclama o Partido Popular sobre os custes reais da encomenda a Tragsa, que se fixo cargo dos traballadores de Suplusa, sociedade agora en liquidación, responsables do mantemento das zonas verdes. O viceportavoz provincial dos populares José Antonio García anuncia a presentación na próxima sesión plenaria dunha iniciativa para que o presidente da corporación provincial aclare aspectos moi relevantes do uso que se fai da citada encomenda, en concreto, quere saber se se está desviando aos traballadores de Tragsa procedentes de Suplusa a labores diferentes ao mantemento das zonas verdes provinciais, que é o obxectivo establecido na encomenda de xestión.

 

José Antonio García di que algunhas informacións das que dispón fan que sospeite que os traballadores de Suplusa incorporados a Tragsa para mantemento das zonas verdes dependentes da Deputación están sendo destinados a labores que nada teñen que ver con tales zonas verdes. O PP quere saber, no caso de que, efectivamente, estean realizando tarefas en espazos que non son da Deputación, quen deu a orde e, en concreto, se foi a propia Deputación.

 

García destaca que a institución que preside o socialista José Tomé acaba de prorrogar a encomenda a Tragsa por seis meses e un presuposto de máis de 400.000 euros, unha cantidade similar á correspondente aos anteriores seis meses. “Temos o convencemento de que o coidado das zonas verdes provinciais mediante Tragsa sae moito máis caro que cando o facía Suplusa, co cal a liquidación desta sociedade provincial non tería ningún sentido e quedaría sen xustificación o argumento usado polo goberno en canto a conveniencia de adelgazar os custes para a Deputación”. Di tamén: “O goberno provincial non responde ás nosas reiteradas preguntas sobre os custes reais e iso é moito máis que sospeitoso”.

 

O mesmo representante popular sinala: “Á espera de que o presidente Tomé dea as explicacións que lle solicitamos, teño que dicir que sería moi lamentable que, mentres algunhas zonas verdes da Deputación están deficientemente atendidas, Tragsa destinara aos antigos traballadores.de Suplusa a áreas que non son de titularidade provincial”.