Partido Popular de Lugo

Candia e Almuíña visitan o barrio da Residencia, que contará co primeiro Centro Integrado de Saúde de Galicia

A cabeza de lista do PP por Lugo para as eleccións autonómicas, Elena Candia, acompañada polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña,  integrante da candidatura popular por Pontevedra, visitaron na tarde de hoxe o barrio da Residencia da capital lucense, que contará co primeiro Centro Integrado de Saúde de Galicia. Na visita participaron tamén outros membros da lista electoral por Lugo.  Candia destacou que a Residencia recuperará a vitalidade que tivo no pasado recente co desenvolvemento que se leva a cabo nos terreos do antigo Hospital Xeral.

 

O pasado mes de febreiro comezou a segunda transformación do barrio da residencia, tras o derrubo do antigo hospital xeral. Nesta parte da cidade está en construción o primeiro Centro Integrado de Saúde de Galicia, mediante a remodelación do antigo hospital materno infantil, que permitirá ganar máis de 8.000 m2 en servizos sanitarios. O edificio, remodelado na súa integridade albergará , distribuídas nas súas 6 plantas, un centro de saúde, PAC e urxencias, área para Saúde Mental e unha base para o 061

 

Estas actuacións foron adxudicadas á empresa Acciona Construcción por un investimento de máis de 11,4 millóns de euros e dispoñen dun prazo de execución duns 20 meses. As obras avanzan a bo ritmo, só víronse ralentizadas durante os 15 días de suspensión da obra pública. Con todo, nos últimos meses avanzaron e continuaron cos labores de derrubo de tabiques e retirada de escombros e outro material, se ben extremaron as medidas de precaución como o uso de mascarillas e o respecto das distancias de seguridade.

 

As obras forman parte do proxecto da Xunta para a recuperación deste barrio, cun investimento de máis de 30 millóns de euros, que permitirá poñer á disposición dos lucenses case 21.000 metros cadrados dun novo espazo social.

 

Ademais deste centro de saúde, esta aposta da Xunta inclúe outras edificacións para servizos públicos, fundamentalmente do ámbito socio-sanitario, como unha nova residencia da 3ª idade, con 120 prazas, promovida pola Consellería de Política Social, en colaboración coa Fundación Amancio Ortega e que se levantará sobre a parcela do antigo hospital.

 

Igualmente,  este espazo albergará unha oficina de emprego, unha central de biomasa -que dará servizo ao complexo-, e un centro de emprendemento aeronáutico.

 

A transformación sanitaria de Lugo ten a súa peza fundamental na creación do hospital Lucus Augusti, que supuxo máis de 60M€ de investimento. A Xunta non só puxo en marcha o novo hospital, que atopou baleiro e sen equipamento, senón que tamén foi quen de dotalo de servizos que antes non tiña e que, sen dúbida, precisaba: en xaneiro de 2014: sala de hemodinámica (Desde xaneiro de 2014 con funcionamento 24h/365 días do ano), en marzo 2016: Radioterapia e medicina nuclear e en febreiro 2017: En servizo o 2o acelerador de radioterapia.