“Encaramos a campaña coa motivación de que a provincia necesita a Feijóo na Xunta máis ca nunca”. Así de convencida o trasladou a cabeza de lista, Elena Candia, durante a pegada de carteis que os populares protagonizaron na Praza da Soidade, e na que estivo acompañada dos tamén candidatos Ramón Carballo e Cristina Sanz, así como de membros do Grupo Municipal en Lugo.
Para argumentar esta consideración, a presidenta provincial puxo en valor, en primeiro lugar, a xestión do candidato do PPdeG durante a pandemia. “Alberto Núñez Feijóo adiantouse incluso ao Goberno central e impulsou medidas para a reactivación económica da comunidade. Isto, hoxe en día, é indubidable”, remarcou.
Neste senso, Elena Candia manifestouse “profundamente orgullosa” de pertencer a un proxecto político que “ante a incerteza actual derivada da crise sanitaria, ofrece certezas; ou ante a crispación doutros, ofrece rigor, xestión, coherencia e feitos. É, por este motivo, que, con total humildade, considero que temos que traballar para acadar a cuarta maioría absoluto. Dende logo esta provincia, a Feijóo non lle vai fallar”, afirmou.
“OS LUCENSES TEÑEN EN FEIJÓO UN ALIADO”
“Estou convencida de que os lucenses saben que en Feijóo teñen un aliado”. Proba delo, apuntou a popular como segundo argumento de por que o líder do PPdeG é máis necesario ca nunca, é o esforzo inversor realizado nestes once anos na provincia, e que permitiu dotar aos lucenses de máis servizos públicos.
En materia sanitaria, destacou Candia, “temos o mellor hospital de Galicia, con Hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear”. “Se algunha obra leva en Lugo o selo de Alberto Núñez Feijóo é o Hula, así como o primeiro Centro Integral de Saúde que xa está en obras no barrio da Residencia”, apuntou.
A popular tamén lembrou que se multiplicaron por catro as axudas á dependencia e se duplicaron as destinadas á Axuda no Fogar; e se reformou a residencia das Gándaras e está prevista a construción doutra nova, en colaboración coa Fundación Amancio Ortega. Ademais, Lugo tamén dispón dunha nova escola infantil en Garabolos; zona na que tamén ser rematou unha obra de protección pública.
A rehabilitación da Tinería; a execución do Plan Paradai; o mantemento da Muralla e o acondicionamento da Catedral; a construción do Auditorio; o polígono das Gándaras e a construción do Polo de Rozas; son outros dos proxectos que a Xunta de Galicia levou a cabo nestes anos e que foron citados pola cabeza de lista por Lugo ao Parlamento como importantes fitos do candidato do PPdeG.
OUTRAS PEGADAS
Ademais de na cidade da capital, celebráronse outras pegadas nos concellos da provincia, onde participaron os restantes candidatos lucenses. Francisco Conde, Raquel Arias e Katy Varela asistiron á de Monforte de Lemos; Susana López Abella, á de Chantada; Sandra Vázquez á de Vilalba; Daniel Vega, á de Ribadeo; Manuel Rouco, á de Burela; e José Manuel Balseiro, á de Cervo. O voceiro do Grupo Provincial na Deputación, Javier Castiñeira, asistiu á de Foz e o deputado no Congreso, Jaime De Olano, á de Viveiro.