”Por fin empeza a aflorar a verdadeira estratexia do Goberno, presidido por Pedro Sánchez, no tema Alcoa: Non se trata dun debate de política industrial senón dun debate sobre enerxía”. Así o sinala o PP lucense, presidido por Elena Candia, que tamén indica: “Tiñamos na mesa unha solución que valía a Comunidades Autónomas de distinta cor política, ao comité, a todos os implicados: a aprobación dun estatuto electrointensivo incorporando as alegacións. Pero o que realmente aflora, o que deixa ver a postura do Goberno, é un novo modelo de política enerxética sen concretar, nin tecnicamente nin en que prazos e que non resolve o problema”. O PP de Lugo di ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que aproveitando a súa visita a Galicia, para participar nun mitin en Ourense, se desprace a A Mariña e se reúna cos traballadores de Alcoa, que, en palabras do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, “é un dos principais problemas que ten abertos Galicia agora mesmo e o máis relevante para a provincia de Lugo e, especialmente, para A Mariña”
O partido que ten por presidenta provincial a Elena Candia indica que “é o momento de preguntar ao BNG cales foron os termos da súa negociación para apoiar a Pedro Sánchez, se efectivamente se desenvolvía nun escenario de nova política enerxética”. Os populares din que “o que se ve é que hai algunha xente máis preocupada de atacar á Xunta que en resolver o problema, mediante unha solución que era válida para todos, que era a aprobación do estatuto electrointensivo coas alegacións das CC.AA., da Xunta, do comité…”. Para o PP “todo indica que dentro das prioridades do Goberno presidido por Pedro Sánchez non está salvar Alcoa”.
O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, sostén que a clave do problema está no prezo da enerxía, e iso é algo que ten que solucionar o Goberno. Salgueiro di a Pedro Sánchez: “Visite aos traballadores de Alcoa con solucións baixo o brazo, porque hai que parar a sangría de perdas con medidas de aplicación inmediata, con unha solución transitoria, porque non se pode esperar tres anos a que sexan aplicables as medidas previstas polo Goberno”. O prezo máximo da enerxía eléctrica non pode pasar, di Salgueiro, dos 35 euros/mw.
O alcalde de Xove recomenda á ministra de Industria Reyes Maroto: “O que ten que facer é solucionar o problema e non pedir que a empresa soporte perdas de maneira indefinida”.