Partido Popular de Lugo

Elena Candia traslada o seu apoio ao colectivo de ximnasios da provincia

A cabeza de lista da candidatura do PPdeG pola provincia de Lugo ás eleccións ao Parlamento galego, Elena Candia, mantivo unha reunión co presidente da Asociación Profesional de Ximnasios e Actividades Físicas de Lugo, José Manuel Gómez; para amosar o seu apoio ao sector “tal e como merece pola súa implicación no proceso de sensibilización do conxunto da sociedade sobre a importancia da práctica deportiva para a mellora da nosa saúde”.

 

A popular explica que “a importancia do deporte e da actividade física se confirmou con episodios como o que vivimos por mor do confinamento derivado da pandemia do coronavirus”. Non esquece que “a práctica habitual de exercicio repercute de forma directa na saúde das persoas e por iso as administracións públicas deben potenciala e apoiar as distintas iniciativas que xorden neste sentido”. Nese sentido, sinala o incremento do número de ximnasios e de distintos establecementos relacionados coa actividade física na nosa provincia nos últimos anos e destaca “a profesionalización do sector”.

 

Candia, que recolleu as demandas e inquietudes do colectivo, sinala que “este sector está atravesando momentos difíciles” ao recordar que “durante o período de emerxencia sanitaria os ximnasios tamén se viron obrigados ao peche” ata a súa recente reapertura aplicando as medidas hixiénico-sanitarias necesarias para garantir a protección dos seus usuarios ante a covid-19.

 

Ante esta situación, a popular amosoulle ao presidente do colectivo na provincia o seu compromiso de “trasladar ante o Goberno galego a necesidade de estudar a implantación de medidas de impulso ao sector”.  Nese sentido, recorda Candia que “a Xunta ten amosado o seu compromiso e vontade de traballo de cara á reactivación do tecido produtivo galego” e, nesa liña, “dispuxo medidas dirixidas a autónomos e pemes, dentro do Plan de reactivación económica de Galicia, para facer fronte aos retos que se presentan trala situación derivada da covid-19”.