O parque periurbano de Lugo é un dos grandes atractivos da capital lucense. Dentro del, a zona de Los Robles resulta especialmente interesante para os lucenses e para os visitantes, como o demostra o gran número de persoas que cada día pasan por alí. Aínda o sería máis se a Deputación non tivera eliminado o servizo de paseos en catamarán, posto en marcha no seu día por un goberno provincial presidido por Francisco Cacharro. Pero o actual bigoberno (PSOE-BNG), baixo a dirección do socialista José Tomé, non só non mantivo o servizo senón que retirou o catamarán que, despois de meses e meses de abandono, acabou afundido no Miño. Desaparecido o servizo, queda o pantalán desde o que se accedía ao barco; tamén neste caso, a falta de mantemento, fai que se atope seriamente deteriorado. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, insta ao goberno provincial a tomar decisións: ou repara o pantalán, e o dedica a outros usos relacionados co ocio no río, ou o retira. Concretamente, pide “á deputada delegada de Turismo, a señora García Porto, que faga o seu traballo e dea unha solución a ese embarcadoiro”
Castiñeira sinala que as vallas que teoricamente, e só teoricamente, impiden o acceso ao embarcadoiro levan alí tanto tempo que xa perderon parte da súa cor. Tamén á cinta que avisa de que non se pode pasar está xa totalmente deteriorada. En síntese, o pantalán constitúe a día de hoxe unha imaxe nada positiva nesta zona da capital lucense. O portavoz popular di: “É hora de que o presidente Tomé adopte algunha decisión, porque aquilo non pode seguir así. Ou manda retirar o embarcadoiro ou ordena reparalo e acondicionalo para que poida ser usado por pequenas embarcacións como barquiñas, canoas, etcétera”. Destaca que nas actuais condicións “pode ser perigoso para a seguridade dos rapaces que xogan nesa zona se acceden ao pantalán; acceder é bastante sinxelo, a pesar de que hai alí unhas vallas mal colocadas”.
Javier Castiñeira recorda que os dous partidos que conforman o goberno provincial levan anos e anos usando o río como argumento propagandístico na capital lucense. O primeiro presidente socialista, José Ramón Gómez Besteiro, asumiu o protagonismo no intento (sempre frustrado, ata agora) impulsado desde o Concello para a creación dunha zona de baño pública na capital, nas inmediacións de Los Robles. Foi todo unha manobra puramente propagandística, como se demostrou; a día de hoxe, Lugo segue sen o que teñen a maior parte das localidades polas que pasa o Miño: unha praia fluvial pública. Tamén o Bloque enredou unha e outra vez co río como argumento propagandístico. Nun dos gobernos municipais de Lugo dos que formou parte co PSOE impulsou a fabricación de batuxos e o seu uso para o ocio no Miño; tamén neste caso se pode dicir que pasou o día e pasou a romaría. Os batuxos desapareceron, nalgún caso despois de podrecer no río. O mesmo fixeron os nacionalistas cos seus enredos para reclamar a creación da praia fluvial en Lugo; só serviron para que o actual portavoz municipal, Rubén Arroxo, saíra nalgunhas fotos.
O portavoz popular di: “O pantalán de Los Robles é a mellor demostración do interese, da falta de interese, que teñen socialistas e nacionalistas por promocionar ese valor indiscutible que para Lugo é o Miño. Pero, como mínimo, deberían retirar as ruínas que quedan, pola súa falta de xestión, do servizo de catamarán creado por un goberno do PP. Polo menos intenten evitar que as súas decisións danen a imaxe de Lugo”. Engadiu: “Outras cidades con ríos con menos potencial aproveitan moito máis os seus recursos fluviais; a Deputación de Lugo o único que fai e deixar perder servizos e dar mala imaxe da cidade”.