Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP de Burela asegura que “máis de tres meses despois da declaración do estado de alarma, Llano non ten concretada ningunha partida económica para axudas para paliar a crise da covid-19”

O Grupo Municipal Popular do Concello de Burela asegurou este luns que “cando xa teñen pasado máis de tres meses dende que se declarara o estado de alarma e se desatara a peor crise sanitaria vivida neste século e, por extensión, a peor crise económica e social, o alcalde de Burela e o seu goberno, co beneplácito da súa parella de baile, o BNG, non ten concretada ningunha partida económica, agás do dedicado no Plan Único, para axudar a autónomos, pemes e familias a paliar a crise xerada polo Covid-19”.

“O Grupo Municipal do PP leva feito propostas sobre este asunto”, indican os populares, “pero Llano fixo caso omiso, ou en ocasións asumiu como propias algunha das nosas propostas. A nosa sorpresa, se é que hai marxe de sorpresa coas actuacións de Llano, actuacións en todo caso tardías cando as hai, é que nos orzamentos deste ano non hai ningún tipo de axuda extraordinaria para os colectivos afectados, cando vemos que outros concellos, de calquera cor política, xa están a actuar”.

“En Burela, en troques, seguen a cargarse os recibos de auga e do lixo aos locais que estiveron pechados, e seguen a cargarse os prezos públicos polas terrazas da hostalaría o que nos parece unha ausencia de xestión que non se merece o noso Concello, que tiña un sector comercial de importancia”.

Os populares engaden que “mentres os autónomos, pemes e familias afectadas loitan para saír adiante, Llano segue a facerse fotos e anuncios que nunca chegan a concretarse. Burela, pobo de xente traballadora e emprendedora, non se merece un alcalde así, que por certo, está a gobernar, de forma máis ca evidente, co apoio encuberto do BNG”, conclúen dende o Grupo Municipal Popular de Burela.