O PP da Mariña cre que “a única maneira aceptable de que o PSOE asista ás concentracións a favor da continuidade dos postos de traballo na planta de Alcoa en San Cibrao sería traendo baixo o brazo a aprobación dun prezo eléctrico competitivo para as empresas electrointensivas que permita á industria mariñá competir no mercado en igualdade de condicións que as plantas europeas e, polo tanto, garantir a súa viabilidade e a continuidade dos empregos na nosa comarca”.
Os populares aseguran que “estamos do lado dos traballadores e da continuidade da actividade na planta” e, polo tanto, “todas as reivindicacións teñen o noso apoio”. Con todo, recordan que “a responsabilidade política, neste momento, é do PSOE como principal partido do Goberno de España” ao que lle esixe “poñer enriba da mesa un estatuto –que leva ano e medio prometendo- que realmente sirva para dar solución ao problema que arrastra a fábrica e que tanto agardamos dende a nosa comarca. É dicir, un estatuto que recolla as alegacións presentadas, xa que de nada serviría un estatuto que non deixe o prezo da enerxía no entorno dos 35 euros/Mw, que é o que a fabricación do aluminio precisa para ser competitiva”.
Desde o PP agardan que na mesa multilateral convocada para mañá martes, o Goberno responda aos compromisos pendentes e se sume á proposta da Xunta. Neste senso lembran que, unha vez cumpran este obxectivo do prezo eléctrico, a proposta da Xunta é que se destinen á modernización da fábrica parte dos fondos europeos que Galicia recibirá para os plans de industrialización das empresas que desenvolven servizos esenciais, ademais de ofrecer a súa colaboración a través dun préstamo participativo.
Os populares insisten en que está en xogo o futuro de moitas familias da Mariña: dende traballadores directos, indirectos e moitos outros servizos da comarca que se verían gravemente prexudicados polo peche da fábrica. É por iso polo que esixen aos socialistas que demostren o seu compromiso co futuro da comarca ante esta situación tan crítica que veñen advertindo dende fai tempo e, polo tanto, que o Goberno do PSOE responda ante esta situación.