As obras da estrada LU-P-1901, entre A Fonsagrada e Navia de Suarna, foron demandadas polos veciños durante moitos anos e desde que se licitaron tiñan que estar executadas hai un ano e aínda queda moito traballo por facer. Así o indica o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, que considera que este proxecto é escaso, porque só inclúe catro quilómetros desde A Fonsagrada e outros catro desde Navia, do total de vinte que ten esta vía. Ademais, di Castiñeira, demostra a falta de previsión do goberno provincial porque, en Navia, os desprendementos da ladeira obrigan, cando xa está feita a pavimentación, a construír un muro de contención.
Castiñeira recordou: “O pasado mércores visitamos as obras da estrada provincial LU-P-1901, entre A Fonsagrada, e Navia; o tramo de Navia, os catro quilómetros que se melloran, recorrémolo en compañía do portavoz municipal do PP, Suso Fernández. Comprobamos que se fixo realidade o que veu anunciando durante moito tempo o PP: había risco de desprendemento de terras na ladeira. E ocorreu. Agora a Deputación ten que construír un muro de contención cando xa está feita a pavimentación”.
O portavoz popular tamén dixo: “Alí mesmo comprobamos a perigosidade desa zona. Parece que a Deputación vai emendar agora o erro inicial de non prever a necesidade dese muro de contención. Como sempre esta Deputación chega tarde a todo. O muro vaise empezar a facer unha vez que está asfaltada a estrada. Este asunto demostra como se fan as cousas na Deputación, como xestiona o goberno presidido por José Tomé”.
No PP esperan que “as obras finalicen o antes posible e que non haxa que volver a intervir neste tramo”. Javier Castiñeira recorda que “a mellora desta estrada leva un ano de retraso desde que foi adxudicada; o goberno provincial ten que poñerse as pilas e non deixar de traballar nesta vía ata completar a súa reforma e mellora en todo o trazado, porque agora quedan fóra das melloras os tramos intermedios entre A Fonsagrada e Navia e hai que programar esas obras”.