O PP de Vilalba incide na “debilidade do goberno local” que se puxo de manifesto durante a sesión plenaria deste mércores que se celebrou de forma telemática na que se evidenciou a ruptura do bipartito PSOE-Vilalba Aberta. Para os populares “é inconcibible que un goberno se absteña na votación dunha proposta de medidas a desenvolver polo propio executivo”, o que “demostra a súa falta de criterio e de capacidade para tomar decisións”. De feito, despois de votar en contra da proposta defendida polo PP de cara á reactivación económica; o PSOE anunciou tamén o seu voto en contra á proposta de Vilalba Aberta para, finalmente, absterse.
Sobre a ruptura do bipartito tamén pedían explicacións os populares que lamentan “a tomadura de pelo aos concelleiros e aos veciños que a alcaldesa faltase á súa palabra de comparecer ao remate deste pleno escudándose no límite de tempo da aplicación informática para o desenvolvemento da videoconferencia. Non é serio”, critican. De feito, os populares retiraron do debate a moción na que pedían a comparecencia da alcaldesa sobre este asunto ao comprometerse a dar explicacións ao final da sesión. Con todo, insisten en que “ten que dar explicacións de forma detallada” e, polo tanto, avanzan que “continuaremos a pedir a súa comparecencia inmediata”.
Reactivación económica
Os populares condenan, por outra parte, “a total falta de interese do goberno local por apoiar aos autónomos e pequenas empresas do municipio de cara a superar as consecuencias económicas provocadas pola situación de emerxencia sanitaria do coronavirus. A súa implicación na reactivación económica do municipio é nula”, aseguran; mentres que dende o PP defenderon que “é agora cando precisan a axuda de todos porque cando pechen non a van precisar”. Consideran, así mesmo, “unha vergoña” que “o goberno aínda mantivera a semana pasada a primeira xuntanza coa asociación de empresarios de Vilalba despois dun ano de goberno no que o colectivo solicitou reunións en numerosas ocasións”.
O Grupo Municipal Popular lamentou que fose rexeitada a súa proposta para que o Concello destinase 4 millóns de euros a un Plan de Reactivación Económica, Laboral e Social para Vilalba (PRELASVI). Ante a xustificación do seu voto en contra por parte do goberno local argumentando falta de liquidez; os populares criticaron que “aínda non fosen publicadas as contas do 2019” e que, polo tanto, “non se poida coñecer a liquidez coa que conta o Concello”. A este respecto, dende o PP explicaron que a súa proposta se pode dotar de fondos procedentes dos remanentes, de parte do Plan Único, do Fondo de Cooperación Local que aporta a Xunta e mesmo do orzamento municipal para este 2020 que está aínda sen aprobar.
En relación ao plan presentado por Vilalba Aberta, os populares sinalaron que “a dotación de 500.000 euros non é suficiente” porque “non chegaría a tódolos empresarios do municipio”. E, ademais, “este plan tampouco recolle recursos para dirixir a medidas de carácter social coma as que recollemos na nosa proposta” para o reforzo dos servizo sociais, en apoio ás asociacións que traballan no ámbito do benestar social e das emerxencias e para a compra de material de protección individual para dotar con Concello dun stock ante posibles rebrotes e para dirixir a servizos esenciais. Polo tanto, os membros do Grupo Municipal Popular tamén se abstiveron na votación.