As infraestruturas suficientes e en boas condicións son un dos piares fundamentais para o desenvolvemento das poboacións e para garantir calidade de vida aos cidadáns. Os veciños da Fonsagrada e de Navia reclamaron durante anos a mellora da estrada provincial que une estas dúas vilas. Despois de moitos retrasos, a Deputación iniciou as obras, pero só afectan ás cabeceiras da vía, en tramos, en cada caso, de, aproximadamente, catro quilómetros. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, demanda do presidente da Deputación que adopte as medidas oportunas para que a reforma e mellora afecte a toda a vía e se revise o seu trazado nalgúns puntos.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, visitou as obras da estrada LU-P-1901 (A Fonsagrada-Navia) acompañado polos voceiros locais do PP, José Luís Regueiro e Suso Fernández, que insistentemente demandaron á Deputación a reparación desta estrada. Castiñeira tivo ocasión de coñecer as queixas dos veciños en relación con estas obras.
Castiñeira recorda que “esta obra foi adxudicada no ano 2018 e tiña que estar rematada en marzo de 2019; leva máis dun ano de retraso, despois dunha década na que os veciños a pediron insistentemente”. Algúns residentes nesta zona din que a pesar da ampliación que se fai da calzada nos dous únicos tramos que son obxecto de mellora, quedan puntos excesivamente sinuosos e outros nos que a estrada chega practicamente ás portas das casas, co perigo que iso supón.
O portavoz provincial do PP destaca: “As obras afectan só a dous tramos, de catro quilómetros cada un; quedan, polo tanto, quince quilómetros no medio sen arranxar e núcleos como Queizán, Cabanelas, Louxas, Lamas de Moreiras, Cuiñas e Porteliña seguen tendo unha estrada nas condicións lamentable nas que está na actualidade”.
Na visita ás obras, os representantes do PP apreciaron “improvisación na execución dos traballos nalgún dos tramos, especialmente na zona de Navia, porque unha vez feita a pavimentación, agora se proxecta un muro de contención, o que suporá desfacer parte do xa feito”. Este muro de contención viña sendo pedido dende moitos meses atrás polo Partido Popular de Navia.
Castiñeira sinala: “Pedimos ao goberno provincial que tome en serio aos veciños da Fonsagrada e de Navia e que a Deputación asuma un arranxo total desta vía, que é moi necesaria para estas localidades da montaña lucense, que parecen estar abandonadas polo equipo que preside o socialista José Tomé”.