Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que o alcalde se plantexe renunciar a bandeiras azuis se se vai incapaz de contratar suficientes socorristas

O Partido Popular de Burela lamenta que o alcalde se plantexe renunciar a bandeiras azuis se se vei incapaz de contratar suficientes socorristas. Os populares censuran así que o socialista intente cargar a responsabilidade na Xunta de Galicia, cando a dotación destes efectivos é un servizo municipal e a sabendas de que o Goberno galego concedeu sen ningún tipo de discriminación a esta vila o mesmo número de distintivos que ao resto de municipios mariñaos que posúen areais.

 

“A nós xa non nos sorprende, a estas alturas, a facilidade coa que o socialista lle bota a culpa sempre a terceiros pola súa habitual incapacidade para xestionar as diferentes situacións que se dan no Concello pero, á hora de facer certo tipo de declaracións, un profesional da política coma el, debería de ser un pouco máis prudente”, manifesta o voceiro do PP.

 

Manuel Rouco, indica que “é unha mágoa que isto sexa así cando se recuperaron todas as bandeiras azuis coas que contaba a nosa vila”. “Debemos lembrar que o ano pasado perdérase a que se izaba na praia do Portelo”. Tal é así que as seis que posúe na actualidade Burela xa foron consolidadas no ano 2014, na época de goberno do PP, explica.

 

O alcalde non fai o seu traballo

Aclaran dende o PP que o titular municipal esquece, “non sabemos se por ignorancia ou por descaro”, que Burela, a pesares de ter menos lonxitude de areais que outros Concellos, recibe a cota máxima de socorristas que a Xunta subvenciona para os municipios da Mariña. Tamén semella que non ten en conta algo moi importante e que xa foi advertido polos populares dende finais do ano pasado de forma reiterada. Trátase do feito de que Burela, a día de hoxe non ten dereito á subvención da Xunta que lle permite contratar os 6 socorristas dos que se queixa o rexedor porque “non fixo o seu traballo”.

 

 “O motivo é moi sinxelo”, tal e como advertiron os populares en numerosas ocasións, “o goberno municipal non presentou a documentación requirida en outubro do ano 2019 perante o Consello de Contas de Galicia, polo que lle poden denegar legalmente o acceso tanto a esta como a calquera outra subvención que lle solicite á Xunta de Galicia, mentres non solucione esta grave anomalía, cando menos, administrativa e de procedemento”.

 

“Unha vez máis o Sr. Llano pon en risco o futuro inmediato do Concello, e xa van unhas cantas, e todo por que?”, preguntan dende a formación popular, “pola súa manifesta incapacidade organizativa, pola súa nula capacidade de xestión ou por seguir enganando aos veciños e veciñas de Burela dicindo que o Concello está a vivir unha situación de bonanza que non é tal”.

 

“Non o sabemos, o que si sabemos e que mentres os problemas se lle acumulan ao alcalde, quen paga a súa actitude neglixente é o pobo de Burela”, conclúe Manuel Rouco.