Partido Popular de Lugo

Castiñeira: “O goberno provincial presidido por Tomé aínda vive do acordo firmado no 2016 por Darío Campos e Elena Candia”

“Da fornada do presidente Tomé aínda non saíu nin un só bolo; os panes de hoxe na Deputación aínda son os que se cociñaron no pacto firmado en 2016 por Darío Campos (PSOE), Elena Candia (PP) e Manuel Martínez”. Así o asegura o portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, á vista das obras de mellora de estradas na provincia e do recente acordo para a instalación de marquesiñas. O acordo que cita Castiñeira foi firmado o 27 de xuño de 2016 e, di Castiñeira, “grazas a el o actual presidente, José Tomé ten obras que executar”. Nesta liña manifestou: “Vemos que nas ordes do día tanto da xunta de goberno como das mesas de contratación son máis as inversións resultado do pacto do 2016 entre PP e PSOE que as propias do actual goberno PSOE-BNG”.

 

 

O portavoz provincial do PP destaca a valentía e a altura de miras coa que actuou no seu momento Elena Candia, agora cabeza de lista polo PP Lugo ás eleccións autonómicas, ao facer posible, desde a oposición e a pesar de ser o grupo con máis deputados, un acordo que era moi necesario para atender as necesidades da provincia, que o entón presidente, o socialista Darío Campos, no podía atender dada a relación de forzas existentes naquel momento no organismo provincial. Castiñeira manifestou: “Xa sei que ao señor Tomé non lle gusta que diga que el e o seu goberno chegan tarde a todo no que se refire a resolver os problemas da provincia, pero é así; neste caso tamén chegan tarde, pero van chegando grazas ao acordo establecido no seu día por Candia e Campos. Grazas a el, e aínda que con retraso hai obras nas estradas da provincia e anúnciase a instalación, xa veremos cando, de 82 marquesiñas”.

 

Castiñeira recorda que no punto 11 do acordo Campos-Candia figura un plan para poñer marquesiñas a disposición dos Concellos. Di concretamente o acordo: “Os asinantes recoñecen a demanda existente para dar cobertura ás necesidades de marquesiñas nos diferentes concellos da provincia e, por elo, asumen o compromiso da posta en marcha dun programa que poña a disposición dos concellos da provincia de Lugo este equipamento, con criterios obxectivos de reparto e un mínimo de dúas por concello”. O mesmo representante popular di que executar esta parte do acordo levoulle moito tempo ao goberno provincial, tanto que aínda está niso. “Realmente a día de hoxe, o único que pode vender o presidente Tomé é o que procede do pacto Campos-Candia-Martínez, o que di moito, por un lado, da falta de xestión do actual goberno provincial, e, por outra parte, da altura de miras dos asinantes do acordo”.

 

O portavoz popular cre que está clara a diferencia entre o pacto Campos-Candia e o actual PSOE-BNG: “Nun puxéronse por diante os intereses da provincia e noutro priman os intereses partidistas, como o proban as declaración da señora Otero, candidata socialista, nas que di que as institucións estarán en función dos intereses do partido socialista e non do que interesa a todos os lucenses; ese modelo non o queremos, queremos o modelo Candia, que foi o que axudou a que a día de hoxe se executen obras positivas para toda a provincia”.